A Deputación de Lugo asegura que Manuel Martínez terá “tódolos recursos”
O goberno bipartito da Deputación de Lugo informou este luns de que o deputado Manuel Martínez, alcalde de Becerreá que tras ser expulsado provisionalmente do grupo do PSOE forma parte do grupo de non adscritos, terá “tódolos recursos” materiais e humanos que contempla “a lexislación vixente”.
Na rolda de prensa posterior á xunta de goberno provincial, a deputada socialista Pilar García Porto sinalou que Martínez “contará con todos os recursos legalmente contemplados” e que se concretarán cando lles remitan “os informes os técnicos”.
O alcalde de Becerreá e deputado na Deputación de Lugo rexistrou catro documentos no ente provincial para solicitar dotación de medios humanos e materiais e dedicación exclusiva, co fin de exercer “correcta e eficazmente” o seu labor.
Así mesmo, pide ser nomeado membro das comisións informativas, incluída a Comisión Especial de Contas, e da Xunta de Voceiros. Martínez considera que tamén debe recibir as actas da xunta de goberno, dos plenos e das resolucións da presidencia.
PRESUPOSTOS
Por outra parte, García Porto replicou ao PP que “non hai afán de paralizar a institución”, en relación ao atraso na presentación dos presupostos de 2016.
“O feito de que os presupostos non fosen presentados non é pola nosa vontade, senón pola falta de traballo de quen estivo catro meses”, subliñou sobre o mandato da popular Elena Candia antes da moción de censura de nacionalistas e socialistas.
Así mesmo, alegou que a prioridade do bipartito provincial é “desbloquear” cuestións como “o pagamento de facturas por máis de tres millóns de euros, a resolución de subvencións por catro millóns de euros e o impulso dos presupostos participativos para 2017”.
Neste sentido, o vicepresidente provincial, o nacionalista Antonio Veiga, explicou que están a “resolver o que está convocado no mes de marzo”, sobre a partida de 70.000 euros para a concesión de bolsas a deportistas individuais.
APROBADO
Por outra banda, a xunta de goberno aprobou unha partida de 100.000 euros para o Plan Impulso do Campus de Lugo con cinco obxectivos: lanzar un plan de captación de estudantes doutras nacionalidades, apoiar prácticas de campo, impulsar a divulgación científica, avalar a análise de infraestruturas deportivas e docentes e promover estudios semipresenciais.
García Porto tamén informou da selección dos mellores expedientes de bacharelato e grao para custear a matrícula dos seus estudios no Campus de Lugo. Seis delas son para sufragar o primeiro ano de estudios de grao e as outras catro para estudantes que finalizaron a carreira e iniciaron un master en Lugo.
Así mesmo, a xunta de goberno tamén deu luz verde ao convenio para dar continuidade aos Grupos de Emerxencias supramunicipais (GES) para o período 2016-2018. Estes equipos están financiados nun 60 por cento pola Xunta, un 20% pola Deputación e un 20 por cento polos concellos.
A Deputación de Lugo achegará 250.000 euros para os próximos tres anos, co fin de “manter 80 traballadores dos oito GES e contribuír a mellorar os servizos de emerxencias”, segundo manifestou a deputada socialista.











