A Deputación da Coruña promociona a súa área de Cultura nun Culturgal polo que pasaron máis de 14.500 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Máis de 14.500 persoas visitaron en Pontevedra a Feira das Industrias Culturais, Culturgal, que contou por primeira vez coa presenza da área da Deputación da Coruña. A vicepresidenta Goretti Sanmartín e o responsábel da área de Cultura, Turismo e Patrimonio Histórico Artístico, Xosé Regueira participaron nas actividades programadas e anunciaron o compromiso de participación da Deputación no vindeiro Culturgal.

Durante as tres xornadas, a área de Cultura da Deputación da Coruña participou na Feira das Industrias Culturais, Culturgal, que se desenvolveu en Pontevedra dos días 4 a 6 de decembro. Máis de 14.500 persoas visitaron o Pazo de Cultura segundo o cómputo da organización das 19 horas do domingo no que xa se converteu no máis relevante escaparate para a cultura galega con cita fixa na primeira fin de semana de decembro e no que, por vez primeira, na súa oitava edición participa a Deputación da Coruña con espazo propio e actividades dentro do programa oficial.

Un espazo expositivo mostrou durante as tres xornadas algunhas das actividades desenvolvidas pola área de Cultura da Deputación da Coruña, en especial a través de dúas pantallas nas que se proxectaban, entre outras iniciativas, imaxes das compañías participantes na Rede Cultural ademais doutros eventos de distintos concellos como a Festa da Dorna de Ribeira, a Chanfaina Lab e Fálame de San Sadurniño, a Mostra de Artesanía ao Vivo e o Asalto ao Castelo de Vimianzo, a Festa da Carballeira de Zas ou o Curtocircuito de Santiago de Compostela, que recibiu no Culturgal o Premio do Público nun acto no que interveu a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, canda o alcalde de Santiago, Martiño Noriega e o director Pela del Álamo. Sanmartín parabenizou na súa intervención o traballo do equipo do Curtocircuito por ter recibido o que considerou un premio de especial significación, o que concede o público na súa votación da mellor iniciativa cultural.

A Deputación estivo tamén presente no programa do Culturgal con tres actividades nas que ese mostraron tres programas propios, entre eles, a plataforma de préstamos de libros en soporte dixital “Ebook Dicoruna” cada a app para dispositivos android e Iphone por parte da técnica da Biblioteca, María Lema que o sábado participou no espazo “O recuncho do ebook”. Xa pola tarde, a Compañía Caramuxo Teatro e Javier Martín explicaron no Espazo Foro a súa participación no programa de residencias do Teatro Colón. Caramuxo estreará en xaneiro do 2016 un novo espectáculo inspirado no Pavillón Lino da Coruña e Javier Martín deu conta do traballo de investigación artística que está a desenvolver no teatro. O alumnado do Conservatorio Profesional de Danza presentou o Espazo Infantil o espectáculo “Fóra da Casa”, que conta con coreografía de Armando Martén o o alumnado do centro que depende da Deputación.

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, parabenizou a organización do Culturgal polo que supón “de espazo xa imprescindíbel para a promoción da nosa cultura e de encontro de axentes e industrias culturais e institucións que dedican especial atención a un sector vital para o noso futuro como é o cultural”. Ademais do balance positivo desta primeira participación da Deputación no Culturgal, anunciou que, de cara vindeiras edicións, afondarán na liña iniciada de ofrecer o espazo expositivo para se converter en plataforma de promoción dos principais eventos promovidos por concellos que non teñen posibilidade de contar con presenza propia na Feira.

Pola súa parte, o responsábel da área de Cultura, Turismo e Patrimonio Histórico Artístico, Xosé Regueira, participou durante os tres días nas actividades do Culturgal e valorou “o interese para a Deputación de estar neste encontro de axentes e industrias culturais que dá medida da vitalidade da nosa cultura e do interese do sector de se promocionar, non só pola necesidade de abrir espazos propios para difundir a cultura de noso senón tamén pola súa potencialidade económica e de creación de emprego”.

7 de decembro de 2015 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.