A Deputación da Coruña parabeniza a AAAG polo seu traballo na difusión de profesionais da interpretación teatral e audiovisual
A Deputación da Coruña, a través da súa vicepresidenta Goretti Sanmartín, parabeniza á Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) polo labor que desenvolven na defensa e visualización de profesionais do teatro e o audiovisual. A AAAG, no seu 30º aniversario, presentou a renovación da súa páxina web na que participa a Deputación da Coruña.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, parabenizou á Asociación de Actores e Actrices de Galicia polo seu labor continuado na defensa de profesionais da interpretación, tanto no sector teatral como no audiovisual neste trinta aniversario da súa creación. A AAAG aproveitou a conmemoración das súas tres décadas de historia para unha renovación do seu portal web que contou co apoio da Deputación da Coruña.
A Asociación inclúe no seu novo espazo dixital (http://aaag.gal/) unha base de datos dos Premios María Casares e o repaso da súa propia historia ademais de continuar a ser unha ferramenta imprescindíbel de visualización de actores e actrices galegas. Trinta anos de historia da asociación e un completo percorrido da traxectoria dos seus premios, que chegan o ano próximo á vixésima edición como referente de visualización para o teatro galego, recóllense a través do portal agora renovado.











