A Deputación aproba un convenio coa UVigo para impulsar a mobilidade do alumnado do campus de Pontevedra e Vigo
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer esta mañá a aprobación dun convenio coa Universidade de Vigo mediante o cal a institución provincial achega 150.000 euros para impulsar a mobilidade do alumnado dos campus de Pontevedra e Vigo no marco do programa Erasmus+. Mediante o convenio, ademais de favorecer a mobilidade europea, a Deputación de Pontevedra quere impulsar e promover o acceso ao mercado laboral e a formación íntegra do alumnado universitario.
Carmela Silva subliñou que “o noso compromiso coa promoción e o fomento do emprego, o apoio aos emprendedores, o desenvolvemento económico da provincia, así como a aposta pola formación para impulsar a empregabilidade non foi unicamente unha promesa senón que se está facendo realidade. Creamos xa un servizo de emprego e estamos a desenvolver actuacións que inciden directamente na creación de postos de emprego, na formación, no apoio aos emprendedores e na mellora das condicións laborais dos traballadores”.
A presidenta da Deputación destacou que “nos últimos anos o número de estudantes da Universidade de Vigo que gozaron dunha bolsa Erasmus descendeu debido, principalmente, á diminución por parte do Ministerio de Educación do importe da bolsa, financiando só un máximo de 5 meses aínda que se trata de estadías anuais. Isto significa que moitas familias, nunha época de crise como a que estamos a vivir, non podían facer fronte ás estadías”. Neste contexto Carmela Silva destacou que “desde a Deputación de Pontevedra, como Administración comprometida coa igualdade de oportunidades, considerabamos que non podiamos permitir que os recursos económicos das familias impedisen ás universitarias e universitarios acceder a esta formación noutras universidades, fundamental para o seu futuro”.
Carmela Silva manifestou que “os recursos públicos teñen que dedicarse a cuestións que nun futuro xeren retorno na sociedade; por iso consideramos necesario que a Deputación de Pontevedra achegue á Universidade de Vigo 150.000 euros para que se poidan levar a cabo 150 mobilidades do alumnado universitario con menos recursos económicos que sexa seleccionado nas convocatorias de Erasmus+ estudos, para a realización de estudos en diferentes universidades europeas, e Erasmus+ prácticas formativas en empresas e institucións doutros países europeos, durante os cursos 15-16 e 16-17”. En total serán 150 bolsas de 1.000 euros cada una que serán asignadas segundo a nota media do expediente académico.











