A Coruña reivindica a defensa da sanidade pública universal a través dun manifesto
A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, vén de asinar, xunto a responsables da área de saúde de municipios de todo o Estado, un manifesto para reivindicar a defensa da sanidade pública, gratuíta e de cobertura universal. A Coruña formará así, xunto a Barcelona, Cádiz, Córdoba, Madrid, Santiago de Compostela e Zaragoza, unha rede na que a saúde e o impacto das políticas públicas na mesma serán un eixo transversal na acción de Goberno, co obxectivo de lograr cidades “máis xustas e saudables” e que “coiden das persoas que nelas habitan”. “As cidades do cambio entendemos que a sanidade pública é unha prioridade”, explica Cameán, “polo que acordamos unir forzas na posta en valor dos coidados e a vida das persoas” . A edil afirma que “únicamente desde a defensa dunha sanidade pública de calidade, garante da equidade, solidaria, democrática e orientada á veciñanza podemos acadar unha atención para todas e todos sen exclusións”.
O ‘Manifesto municipalista para a promoción da saúde e o dereito a un sistema sanitario público e universal’ avoga por unha atención equitativa, gratuíta no punto de asistencia e financiada por impostos progresivos. O texto parte da necesidade de “rexeneración do carácter público dos servizos públicos de saúde” en detrimento da xestión privada, “que fai da saúde un negocio”, e pide a derogación da “Lei de racionalización e sustentabilidade da administración local”, que “reduce” as competencias das localidades sobre a saúde. As asinantes coinciden na máxima que desde os concellos “existen oportunidades especiais para promocionar a saúde” entre a veciñanza e solicitan “potenciar” a “Atención Primaria e das estratexias de saúde comunitarias” como ferramentas para “unha atención global e integrada”, á vez que insisten na creación dun “código ético común de todos os servizos” que asegure a “transparencia, equidade, universalidade e eficiencia” do sistema, e faga partícipe “á cidadanía e cadros de persoal dos centros” dos órganos de Goberno” do mesmo . “Con este Manifesto pretendemos acadar unha saúde comunitaria que implique a todos os actores, construíndo desde o cercano e en colectivo”, explica Silvia Cameán.
As e os concelleiros asinantes comprométense no texto “a traballar para garantir os dereitos das persoas” aplicando criterios de xustiza social, “respetando a autonomía e liberdade nas decisións sanitarias”, así como reivindicar, entre outros, o dereito “á interrupción voluntaria do embarazo no sistema público”, a “atención ao sufrimento e tratamento da dor”, ou “a morte digna”. Tamén reclaman un uso “efectivo e eficiente” dos medicamentos e ferramentas terapéuticas, ou integrar novas perspectivas e a visión de activos na saúde.











