A Coruña pon en marcha unha campaña de sensibilización sobre o abandono de mascotas e en fomento da adopción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Campaña de adopción canina

Campaña de adopción canina

A Concellería de Medio Ambiente vén de poñer en marcha unha campaña de sensibilización sobre o abandono de mascotas e a prol da adopción, cunha exposición en formato “efímero” que desde hoxe poderá verse en bibliotecas e centros cívicos da cidade. Trátase de fotografías de 15 cans que serven para ilustrar a realidade do abandono e poñer cara e nome ao que viven os máis de 45 cans e 5 cachorros que están acollidos nas instalacións municipais do parque de Bens, onde tamén se atopan 10 gatos na mesma situación. Cada retrato vai acompañado dun texto con datos do animal e no que se axunta o correo electrónico (www.coruna.es/adopción ) e o teléfono (981 263 093) ao que as persoas interesadas en adoptar poden remitirse para obter máis información. A mostra está aberta ao público nos centros cívicos de Monte Alto, Mesoiuro e Os Rosales e nas bibliotecas do Ágora, do Fórum e a infantil e xuvenil de Durán Loriga e as do Castrillón, Monte Alto, Rosales, Sagrada Familia.

O obxectivo da campaña é, en palabras da concelleira desta área, María García, “impulsar a adopción responsable, dentro das políticas de benestar animal que se están a desenvolver desde o Goberno local, con campañas informativas e de concienciación sobre a problemática do abandono de animais e as súas consecuencias, así como divulgativas, en favor da adopción, a convivencia e a tenza responsable de animais”. Neste sentido, a responsable municipal convida tanto a aquelas persoas que acudan á exposición como ao resto da cidadanía interesada na adopción a visitar a instalacións municipais de recollida de animais que se atopan no parque de Bens, e que están abertas ao público de luns a sábado entre as 11.00 e as 13.30 horas e, pola tarde, de 16.00 a 18.00 horas.

21 de decembro de 2015 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.