A campaña de escavacións no Castro Alobre afectará a 400 metros cadrados do xacemento
A coordinadora xeral de proxectos do departamento de Turismo e un arqueólogo da Deputación visitaron esta mañá o castro de Alobre en compañía da concelleira de Urbanismo, Paola María, e o edil de Obras, Lino Mouriño, co obxectivo de concretar a nova campaña arqueolóxica que se vai poñer en marcha no xacemento vilagarciá. A previsión escavar 400 metros cadrados máis de superficie cos traballos que comezarán en febreiro e terán unha duración de catro meses.
Tras percorrer toda a zona do Montiño e prestar especial atención á zona exhumada en anteriores intervencións, os técnicos da Deputación amosáronse moi interesados e ilusionados co proxecto a desenvolver no xacemento de Vilagarcía, posto que está practicamente por descubrir e se trata, xunto co de Vigo, co único castro urbano que se conserva en Galicia.
Ademais de concretar a zona pola que se poderá ampliar a zona exhumada, o persoal da Deputación informou aos concelleiros de que o equipo que comezará a traballar na campaña a principios de febreiro estará composto inicialmente por 12 persoas: 3 arqueólogos, 8 auxiliares e 1 restaurador. O equipo irase incrementando paulatinamente con máis persoal a medida que a empresa remate os traballos que están a realizar en Santa Tecra.
Paola María avanzou tamén que o proxecto de musealización que financiará o Ministerio de Fomento executarase xusto a continuación da campaña arqueolóxica. Tan pronto como remate esta comezarase coas actuacións para musealizar a zona e que consistirán en consolidar as estruturas exhumadas, na instalación de pasarelas para permitir unha mellor viasualización do xacemento sen afectalo, na colocación de paneis informativos e, de ser o caso, en poñer algunha iluminación.
Por outro lado, mañá comeza a obra de mellora do acceso ao Castro Alobre. Dado que o corredor pecharase para realizar as obras, abrirase un paso provisional para os veciños pola zona en obras da rúa Vista Alegre.











