A campaña ‘Cada neno, un xoguete’ entrega máis de 2.300 xoguetes
A campaña ‘Cada neno, un xoguete’ entregou nesta campaña do Nadal e até este mércores máis de 2.360 xoguetes, que repartiu entre máis de 1.000 familias, colectivos, asociacións e parroquias da área de Vigo. Ademais, renovará esta actividade entre o 26 de decembro e o 4 de xaneiro para o día de Reis.
Segundo informou o portavoz da iniciativa, esta é a sexta edición dunha campaña que se dirixe a persoas con poucos recursos económicos, aos que se fai entrega de xoguetes novos ou usados -en perfecto estado, higienizados e envoltos-. Neste Nadal xa se repartiron máis de 600 novos e máis de 1.700 usados.
A organización, que trasladou o seu agradecemento aos voluntarios, doantes e ao Mercadillo da Casa da Avoa, indicou que nestes días os xoguetes poden seguir entregándose nos 15 puntos de recollida habilitados para ese efecto ou na propia Casa da Avoa, en Canido.
O portavoz subliñou que a campaña se sostén polas achegas dos voluntarios da Asociación STOP e Iniciativa Local, de particulares, e de empresas; e conta co respaldo de 73 padriños entre os que se atopan músicos, actores e humoristas, entre outros.











