A Artesanía de Galicia promocionase en preto de 40 feiras nacionais e internacionais
A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de conceder apoios por máis de 150.000 euros co obxectivo de fomentar a promoción comercial da artesanía galega en preto de 40 feiras nacionais e internacionais, dos que se benefician un total de 23 obradoiros artesanais, 8 concellos e a Asociación Galega de Artesáns.
Así, apóiase a participación de profesionais en encontros internacionais como Homi ou Euroluce en Milán, e Bijorhca e Maison&Objet, en París; e outras nacionais como Bisutex, Momad, Intergift ou Madridjoya, en Madrid, ou Expohogar en Barcelona, contribuíndo así á busca de novas oportunidades de negocio.
Ademais, obteñen axudas un total de 8 concellos, para a organización da Mostra de Olería de Buño (Malpica); a Mostra do Encaixe de Camariñas; a Mostra de Artesanía Artelemos Nadal (Monforte), o encontro Alfaroleiros (Oleiros); a Feira de Artesanía de Cambados; a Feira da Artesanía do Ferro (Riotorto); a Feira de Artesanía de Outeiro de Rei e a Feira Tradicional Outrora de Bóveda. Por outra banda, respáldase tamén a organización por parte da Asociación Galega de Artesáns das feiras Mostrart, na Coruña, e Ofeitoamán, en Vigo.
Este programa de axudas, cuxa resolución se publica hoxe no DOG, enmárcase no Plan de Artesanía de Galicia, que ten por obxectivo, entre outros, o desenvolvemento dunha estratexia de promoción, impulso e mellora da competitidade do sector. Trátase dunha folla de ruta que busca acadar un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.
Entre outras liñas de accións este plan, que potencia a marca Artesanía de Galicia como eixe da promoción e da comercialización, contempla o apoio á internacionalización da empresa artesá galega. Neste sentido, a propia Consellería promove a presenza da marca e do produto artesán galego en diferentes feiras de referencia en Europa, entre elas, Formex, en Estocolmo; e Tent London, no Reino Unido, onde Artesanía de Galicia conta en cada edición cun espazo expositivo propio.
Ademais, no ano 2015 a empresa xaponesa H.P France, distribuidora da empresa galega D-due, introduciu produtos da marca Artesanía de Galicia en diferentes pop-ups en cidades xaponesas.











