publicidade hoxe

A Agasp aposta pola formación dos colectivos de emerxencias en comunicación e redes sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+
Xornada de formación

Xornada de formación

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor participou hoxe nas “I Xornadas de formación en comunicación e redes sociais para emerxencias e Protección Civil”, onde destacou a aposta da Academia para que os colectivos de emerxencias adquiran os coñecementos necesarios no correcto uso das ferramentas comunicativas, entre elas as redes sociais.

Tal e como destacou o director xeral, a Academia Galega de Seguridade Pública, consciente das potencialidades das redes socias no panorama comunicativo e da necesidade do seu correcto uso por parte das institucións, organizou unha xornada formativa denominada Ciberemerxencias Galicia. Un total de 60 membros de distintos colectivos de protección civil asistiron a esta formación, cuxo obxectivo foi que os responsables e membros de unidades de emerxencia e protección civil adquiran os coñecementos necesarios para comunicar a súa actividade mediante redes sociais, especialmente nos casos en que é necesario xestionar situacións delicadas ou unha crise.

Deste xeito preténdese facilitar aos profesionais que integran as diversas unidades, a adquisición de novos coñecementos e a especialización en materia comunicativa, ambos aspectos necesarios para a interacción coa sociedade facendo un uso axeitado das ferramentas existentes.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, finalizou coa súa intervención os relatorios da quenda da mañá, que correron a cargo do vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, Carlos Toural Bran. Segundo o director xeral, “somos conscientes de que os colectivos que desempeñan a súa labor no eido das emerxencias precisan dunha formación multidisciplinar”, polo que esta debe por tanto compendiar os coñecementos e destrezas necesarios para a realización do seu traballo diario, así como aqueloutros referidos á atención aos medios de comunicación e á transmisión das súas accións mediante as canles de información existentes, entre eles as redes sociais”.

Así, abordouse unha xornada teórico-práctica na que participaron tamén relatores con experiencia en materia de emerxencias a nivel nacional, tales como Aurelio Soto Suárez, responsable das redes sociais da Unidade Militar de Emerxencias, UME, e Fernando Cubillo Santos, responsable da relación cos medios da Dirección Xeral da Garda Civil.

Carlos Toural Bran, vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela e membro do grupo de investigación Novos Medios, abriu a xornada co seu relatorio Emerxencias 2.0, ás 10.30 horas. A súa intervención estruturouse en tres partes. A primeira delas centrouse en dar as explicacións oportunas sobre os usos e características das redes sociais máis empregadas. A segunda parte abordou a necesidade de traballar a comunicación como un proceso completo e permanente no antes, durante e despois da emerxencia para fomentar a prevención, a contribución á resolución da crise e a reflexión sobre a mesma. Por último, abordou casos prácticos, analizando como actuou algún servizo de emerxencias en casos reais, desde un punto de vista comunicativo e, particularmente, tratando aqueles aspectos que teñen que ver coas redes sociais.

A quenda dos relatores profesionais das Forzas e Corpos de Seguridade e Unidades de Emerxencias chegará na xornada de tarde, que comezará ás 16.00 horas coa conferencia do Tenente Coronel Fernando Cubillo. No seu relatorio, A Garda Civil nas Redes Sociais, falará da irrupción destas últimas na comunicación das institucións, a comunicación dunha crise e o papel das redes, así como os retos de futuro. Todo isto poñendo como exemplo a xestión das redes realizada dende a Dirección Xeral da Garda Civil e casos reais nos que tivo que intervir a benemérita.

O segundo dos relatorios da xornada de tarde centrarase na xestión das redes que realiza a Unidade Militar de Emerxencias, explicada polo responsable das mesmas, o tenente de navío Aurelio Soto. Neste caso, ademais de abordar a contribución do perfil de Twitter da UME en emerxencias de niveis locais e autonómicos, Soto falará sobre as emerxencia de nivel nacional (Nivel III) e da importancia dunha correcta xestión das comunicacións en casos coma este, e a achega das redes á Dirección Operativa da Emerxencia, casos prácticos, ou os equipos VOST, equipos de voluntarios dixitais en emerxencias.

1 de decembro de 2015 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.