Xosé Ferreiro renunciará a cobrar a media dedicación que lle correspondería na Deputación
O deputado provincial e voceiro do BNG na Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, renunciará a cobrar a media dedicación que lle correspondería tras o pleno de organización celebrado este martes.
En el, o alcalde de Becerreá e deputado socialista, Manuel Martínez, votou co PP dúas emendas para rebaixar os asesores nacionalistas e reducir dunha media dedicación, de 50.000 a 25.000 euros.
Fontes nacionalistas explicaron que Ferreiro se incorporará ao seu posto de traballo como profesor de Matemáticas no instituto de Navia de Suarna.
Tamén advertiron que esta incorporación se produce polo réxime de incompatibilidades, ao tempo que sinalaron que o “cabreo” non é con Martínez, senón co PP por “vulnerar” un acordo que “viña sendo unánime” nos últimos mandatos en relación á organización da institución.











