Xesús Soto visita as obras de rehabilitación do Cine Elma
O deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto, visitou a fase final das obras de rehabilitación do Cine Elma no Concello da Pobra. Convidado polo alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, o deputado da área de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto, visitou as obras do Cine Elma que se atopan na fase final da execución. A titularidade do inmóbel, considerado ben patrimonial, foi cedida ao Concello para usos culturais e os dous organismos asinaron tres convenios por importe de 760.000 euros para a rehabilitación do edificio.
O goberno municipal presidido por Xosé Lois Piñeiro transmitiu diversas cuestións de accesibilidade que quedan sen resolver para dar por finalizada a obra e na propia xuntanza púxose sobre a mesa a posibilidade de facer uso dos investimentos do PAS xa que as bases recollen esa finalidade.
O Cine Elma foi inaugurado como sala de proxeccións e teatro en 1953 e é obra do arquitecto Antonio Tenreiro.