Xestur adxudica por 364.000 euros as obras de urbanización interior da parcela comercial do Parque ofimático da Coruña
A empresa pública Xestur adxudicou as obras de urbanización interior da parcela Z-14 do Parque Ofimático da Coruña, destinada a usos comerciais, que foi segregada en tres parcelas diferentes, dúas das cales xa foron vendidas.
As obras de urbanización interior desta parcela foron adxudicadas á empresa Acciona Infraestructuras S.A., por importe de 363.860,90 euros e un prazo de execución das obras de tres meses a contar dende o inicio das mesmas. As obras comezarán cando conten con licenza de obras por parte do concello da Coruña, a cal foi solicitado no pasado mes de maio.
As obras da parcela Z-14 consistirán fundamentalmente en movemento de terras e construción dun muro de contención para salvar o actual desnivel do terreo e deixar unha plataforma apta para a instalación das empresas adxudicatarias.
A Z-14 ten unha superficie total de 14.520 metros cadrados e foi dividida en tres parcelas, das que dúas, que suman máis de 12.000 metros cadrados, xa foron adxudicadas. Actualmente está libre a terceira das parcelas, cunha supeficie de 2.489 metros cadrados.











