Vulcano espera consolidar o contrato do ferry en próximas datas
O estaleiro vigués Vulcano espera consolidar o contrato do ferry “en próximas datas”, segundo explicou o seu director comercial, José Luis Méndez, quen sinalou que as negociacións para buscar armador para ese barco “avanzan razoablemente ben”.
En declaracións aos medios durante unha visita o presidente do porto ás instalacións da empresa, Méndez indicou que Vulcano segue traballando para que ese ferry, traído dende Sevilla e que é propiedade do Banco Santander, pronto teña un armador.
Non obstante, indicou que o estaleiro busca tamén oportunidades noutros nichos de mercado, dada a crise do sector offshore e, ademais do ferry, puxo como exemplo a construción da rampla ro-ro para o Porto (dentro do proxecto da autoestrada do mar), que dá traballo a máis dun centenar de persoas agora.
O director comercial de Vulcano explicou que este traballo permitirá introducirse nun novo mercado e demostrou a capacidade técnica e de adaptación do estaleiro e dos seus traballadores. Do mesmo modo, a empresa está a esperar a resolución da adxudicación dos taboleiros metálicos para a obra de ampliación da ponte do Rande.
TRABALLADORES
Pola súa banda, o presidente do comité de empresa, ‘Sesé’ Fernández (CC.OO.), lamentou a falta de apoio das administracións, tanto española, como galega e mesmo local, e reclamou “unha aposta decidida pola industria”.
Ao seu xuízo, só o desenvolvemento dun “verdadeiro” plan industrial para o sector naval de Vigo poderá facer que a área saia da crise económica.
Por outra banda, tamén arremeteu contra as entidades financeiras, porque moitos proxectos non frutifican “por falta de financiamento”. “Aos armadores hai que darlles facilidades”, recordou, e criticou que o actual sistema de tax-lease “non funciona”.











