“Vitoria” gaña a VII Liga de Tripulacións
O pasado fin de semana o Real Club Náutico da Coruña organizou a VII LIGA DE TRIPULACIÓNS, que se navegou nas 4 unidades de J80 que dispón o Club. Na xornada do sábado celebráronse as 2 semifinais, con 8 tripulacións loitando por pasar á final cos 4 mellores. A primeira semifinal comezou puntual ás 11.00 horas coas tripulacións do “Argallán” de Domingo Plana, “Vitoria” de Jesús Pintos, “Azahara” de Agustín Fernandez e “Equipo Laser RCNC”. Desde o principio “Vitoria” e “Equipo Laser RCNC” impuxeron un ritmo superior, pasando á seguinte rolda sen moitas complicacións. Na seguinte semifinal competían “Sofía Toro Team”, “Salao Too” de David Rivero, “Araucaria” de Joaquín Cobelo e “Gómez” de Andrés Soto, esta semifinal estivo moito máis axustada que a anterior, aínda que Sofía Toro demostraba a súa experiencia e clasificábase sen dificultade, a loita pola segunda praza era moito máis rifada, e ao final levaríalla o “Salao Too” na última proba tras unha dura loita co “Gómez”.
A gran final navegouse na xornada do domingo, cunhas condicións estivais para competir, de ventos cálidos do sur con 7- 9 nós de intensidade. Ás 10.00 horas os 4 finalistas estaban a preparar os barcos para facerse á mar e comezar puntualmente ás 11.00 a primeira proba. Moitos nervios na primeira saída, proba diso foi a chamada xeral con todos os barcos fóra de liña. A tripulación de Sofía Toro comezaba cunha vitoria, por diante do “Salao too” patroneado por Fernando García, en terceira posición o equipo do laser do Club liderados por Jano Toro que intercambiaba a cana con Roberto Bermúdez, e cuarto Jesús Pintos. Na 2ª proba da final, o vento incrementou en intensidade e situábase nos 13-15 nós, sendo Jesús Pintos vencedor, por diante do equipo de Laser do Club. Na terceira proba, Jesús Pintos volvía imporse, esta vez por diante de Sofía Toro.
Para a última proba da liga, estaba todo por decidir, con Pintos e Sofía Toro empatados a 6 puntos, eran os que tiñan máis opcións para levar o título; pouco antes da saída o vento aumentou até os 20-25 nós sendo a proba máis dura de todo o fin de semana, proba diso foi a rotura de mastro que sufría a tripulación de Sofía Toro, aínda que non houbo lesionados, afastábaas da vitoria final, achandándolle o camiño a Jesús Pintos e a súa tripulación que se aseguraban a vitoria final, cunha 2ª posición por detrás do equipo de Laser do RCN Coruña, que grazas á retirada forzosa de Sofía Toro facíanse coa 2ª praza da xeral con 11 puntos, por detrás de Jesús Pintos que levaba a vitoria con 8 puntos, mentres que en 3ª posición finalizaba Sofía Toro tamén con 11 puntos, e en 4ª posición o “Salao Too” de David Rivero.











