Vázquez Almuiña destaca os bos indicadores asistenciais dos centros sanitarios da provincia de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asegurou hoxe que os indicadores de actividade da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras son proba da excelencia e da capacidade de traballo dos profesionais, así como do bo facer do seu equipo directivo.

Neste sentido, sinalou que a 30 de xuño deste ano a espera media cirúrxica na EOXI era de 37,3 días (moi por debaixo da media, 64,8 días); que en prioridade 1 ten unha espera de 9,3 días, a segunda mellor do sistema, e en prioridade 2 de 45,8, por debaixo da media de 50,6. No que atinxe ás primeiras consultas de enfermidade, os cidadáns da EOXI esperan 27,5 días, moi por debaixo da media (40,1 días).

No Pleno do Parlamento, Vázquez Almuiña salientou tamén a aposta da Consellería por reforzar esta área sanitaria no eido dos recursos materiais. Así, observou que entre 2009 e 2014 Sanidade investiu 17,2 millóns de euros nos hospitais de Ourense, e no caso concreto do CHUO en 2014 investíronse máis de 4,8 millóns. Ademais, en 2015 hai contratada obra por importe de más de 31 millóns e en 2016 finalizarase o seu Plan Director con 18,5 millóns destinados para elo nos orzamentos, aos que habería que sumar outros 4 millóns en equipamento de hospitais.

No que se refire á Atención Primaria, construíronse e equipáronse os centros de saúde de Vilamarín, Vilar de Santos, Entrimo, A Merca, Toén, Os Peares e Carballeda de Avia; e o centro de saúde do Couto está actualmente en fase de construción, cun investimento de 3,6 millóns.

“Tanto se falamos de indicadores asistenciais como se falamos de investimentos, non se pode obxectivamente poñer en dúbida de ningunha maneira a aposta decidida desta Consellería e da Xunta pola asistencia sanitaria na Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco, nin a súa preocupación pola saúde da cidadanía ourensá”, resumiu o conselleiro.

Melloras introducidas

Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria da Xunta fixo referencia ás melloras que se teñen producido nos distintos hospitais. Neste sentido, lembrou que no CHUO implantáronse distintas vías rápidas, consultas de alta resolución e teleconsultas; creáronse as unidades de Urodinamia, Alta resolución hospitalaria (dependente do Servizo de Urxencias) e Cardioloxía Ambulatoria de alta resolución; ampliáronse as carteira de servizos de Cirurxía vascular e Rehabilitación; implantouse o proceso asistencial integrado da EPOC; centralizouse a citación de consultas ambulatorias de xestión informática; desenvolveuse un programa de atención para o paciente pluripatolóxico e crónico entre atención primaria e medicina interna; e dotouse ao centro dun quirófano de última xeración para Neurocirurxía, cun tomógrafo intraoperatorio (TAC), microscopio e navegador.

No caso do Barco abríronse novas especialidades de Neuroloxía, Dixestivo, Endrocrino, Cardioloxía e Reumatoloxía; ampliouse a carteira de servizos de Uroloxía e de Dixestivo / Endoscopias; implantáronse distintas vías rápidas, consultas de alta resolución e teleconsultas; desenvolveuse a Hospitalización a Domicilio; implantouse o programa de autocontrol da anticoagulación por parte do propio paciente no seu domicilio sen necesidade de desprazamento; e acadouse a cobertura total farmacéutica nas residencias sociosanitarias desta área sanitaria por parte do servizos farmacéuticos do Hospital Comarcal de Valdeorras.

E en Verín implantáronse así mesmo vías rápidas, consultas de alta resolución e teleconsultas; abríronse novas especialidades de Neuroloxía, Dixestivo, Cardioloxía e Endocrino; e cambiouse a situación física do PAC de Verín ao Hospital Comarcal de Verín.

Atención Primaria
Pola súa banda, no que se refire á Atención Primaria, implementouse o programa da muller en toda a provincia; descentralizouse o Tratamento Anticoagulante (TAO) con validación en Primaria por médico e enfermeira; implantouse a petición e extracción electrónica para analíticas en catro servizos; creouse o comité de coidados paliativos; implantouse a Medida Ambulatoria de Tensión Arterial; púxose en marcha o programa de tratamento e seguimento farmacoterapéutico dos antipsicóticos DEPOT desde Atención Primaria, sen necesidade de desprazamento ao hospital; e fíxose a pilotaxe do Programa de Despitaxe de Aneurisma de Aorta Abdominal en pacientes maiores de 65 anos; entre outras melloras.

Por último, sobre a suspensión de cirurxías, lembrou que non é un feito alleo á xestión diaria de calquera servizo de saúde e que poden responder a diferentes motivos. No CHUO a porcentaxe de suspensións (3,84%) é a terceira máis baixa dos 14 complexos hospitalarios de Galicia, por debaixo da media da Comunidade Autónoma (4,44%). Tanto seu número como as súas causas, explicou, están axeitadamente rexistradas, e indican que son producidas maioritariamente por problemas médicos do paciente (25,5%), prolongacións de intervencións previas (27,3%), inasistencia do paciente (14,4%), e, nunha pequena porcentaxe, por falta ou avaría do material, o 5% do total das suspensións.

11 de novembro de 2015 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.