Uns 2.280 vigueses reciben a Renda de Inclusión Social de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, informou esta mañá en rolda de prensa da situación actual da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) no que atinxe ao ámbito do termo municipal de Vigo.

O delegado explicou que no que respecta ao dato acumulado de beneficiarios de todo o ano 2015 ata o mes de outubro -o último do que se teñen cifras pechadas- hai un total de 2.279 persoas beneficiarias da Risga e censadas na cidade olivica que, dende que se resolve o seu expediente, pasan a formar parte da nómina mensual.

López-Chaves informou que, coma establece a nova Lei de Inclusión Social de Galicia –que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2014- se establece un prazo máximo de resolución de 2 meses iniciándose nos concellos a tramitación e o expediente concluíndo este con un informe de valoración antes de remitilo á Xunta de Galicia, que é quen resolve e outorga as axudas. “A nova lei marca un prazo máximo de 2 meses para resolver os expedientes da Risga porque son situacións que requiren celeridade por parte das administracións, salvo que se teña que interromper o prazo para pedir documentación complementaria”, explicou o delegado, quen quixo deixar constancia da “profesionalidade” dos traballadores tanto da Xunta coma do Concello que traballan nesta labor de atención social.

Tendo isto en conta, o responsable da Xunta en Vigo resaltou que a Administración autonómica está a cumprir os prazos que marca a Lei e “con datos na man”, López-Chaves informou que, dende que o expediente entra no Rexistro da Delegación Territorial, no prazo dun mes se resolve a concesión. “Cumprimos os prazos que fixa a Lei da Risga”, dixo o delegado, lamentando que por parte do Concello de Vigo “non podemos dicir o mesmo”. “É o concello que máis se retrasa de todos”, especificou con respecto ao resto dos municipios da área territorial.

Neste senso, explicou que os expedientes que se inician no ámbito municipal deberían tardar un mes ata que entrasen na Xunta. Sen embargo, López-Chaves lamentou que o retraso chega a ser dunha media que vai dende os 4 aos 6 meses. “O que a Lei fixa para o concello do prazo dun mes, se multiplica por catro por cinco ou por seis meses”, dixo, insistindo no feito de que cando o expediente chega á Xunta se resolve nun mes para que as persoas beneficiarias entren en nómina canto antes e con efectos retroactivos, é dicir, cobrando atrasos dende a data de solicitude da axuda no concello. “Cando chega á Xunta se resolve no prazo dun mes pero chega con retraso”, sinalou.

É por isto polo que pediu ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, “vontade política” e “axilidade” nos servizos sociais para “desatascar esta demora que existe actualmente no Concello de Vigo” porque, coma dixo, o retraso “prexudica ás persoas que queren solicitar esta axuda”. E coma exemplo, comentou casos de expedientes que se iniciaron no Concello de Vigo o 11 de maio chegando á Xunta de Galicia o 21 de setembro. “Son máis de 4 meses de tramitación cando a Lei fala dun mes”, dixo.

Para isto, considerou necesario que se dote aos servizos sociais municipais dos medios precisos e persoais ademais de solicitarlle “axilidade” para que as persoas beneficiarias da Risga non vexan multiplicada a súa espera para poder contar con esta axuda. “Pídolle que sexa máis sensible en resolver, que traballe polo tema e cumpra cos prazos establecidos xa que non é o mesmo 2 meses que 6, 7 ou 8 meses de espera”, insistiu. “Falamos de persoas en situación de necesidade que precisan dunha resolución inmediata dos expedientes. Na Xunta estamos a cumprir”, sentenciou.

16 de novembro de 2015 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.