Unhas 32.500 persoas da área sanitaria de Santiago están vacinadas contra a gripe nas dúas primeiras semanas de campaña
Case 32.500 persoas pertencentes á poboación obxectivo da área sanitaria de Santiago vacináronse contra a gripe nas dúas primeiras semanas da campaña posta en marcha polo Sergas, o que supón un 4 por cento máis que no mesmo período do ano anterior.
Así informouno este mércores o xerente da área de xestión integrada de Santiago, Luis Verde, que acudiu xunto co equipo directivo do CHUS a vacinarse contra esta enfermidade para “concienciar” sobre a importancia desta acción.
Verde recordou que as cifras de vacinación contra a gripe nesta área roldaron o pasado ano o 52 por cento, lixeiramente por enriba da media galega, e avanzou que nesta campaña se intentará alcanzar o 65 por cento da poboación diana.
Para iso, a Consellería de Sanidade puxo un programa específico para a promoción da vacinación que este ano fará especial fincapé no persoal sanitario e, máis concretamente, no persoal de enfermaría.
O responsable de Medicina Preventiva de Santiago, Juan Gestal, recordou a importancia da vacinación do persoal sanitario, que estará máis protexido ante posibles contaxios e evitará contaxiar pacientes enfermos. A maiores, destacou, este sector “tamén é moi importante como exemplo”.
UN 70 POR CENTO MÁIS
Entre o persoal sanitario, destacou o doutor Gestal, a acollida desta campaña está a ser “magnífica” e, polo momento, estase a rexistrar en torno a un 70 por cento máis de profesionais vacinados.
Segundo os datos achegados pola área sanitaria, polo momento vacináronse máis de 200 profesionais sanitarios da área, fronte aos 117 que recibiran esta protección o pasado ano e o obxectivo é chegar ao 35 por cento. En total, na campaña de 2014 vacináronse 479 sanitarios -un 20 por cento-, o que supuxo unha baixada con respecto aos 637 do ano anterior.
Nas dúas semanas de campaña de 2015 recibiron a súa vacina 91 facultativos, 19 Médicos Internos Residentes (MIR), 63 enfermeiros e 29 auxiliares de enfermaría de Santiago. Estes servizos encárganse tamén de vacinar os pacientes ingresados de risco.
DIMINUCIÓN NOS ÚLTIMOS ANOS
O responsable de Medicina Preventiva puxo de relevancia a diminución nos últimos anos do número de persoas vacinadas contra a gripe, algo que vinculou á actuación dos “grupos antivacúas”.
Juan Gestal sinalou que dende a pandemia de gripe de 2009, os “grupos antivacinas”, nos que “lamentablemente militan tamén profesionais sanitarios”, fixeron “un labor moi negativo aproveitando falsas debilidades” do sistema de vacinación.
“Estase a traballar para desmontar precisamente estas falsas mensaxes dos detractores das vacinas”, sinalou Gestal, que mencionou casos como o do neno catalán falecido por difteria para exemplificar os “problemas” que causan este tipo de correntes.
Tras apostar por “desenmascarar estas persoas”, mostrouse tamén partidario de “tomar medidas doutro tipo” no caso dos sanitarios, por exemplo dende os Colexios Profesionais, dado que “son condutas impropias dun profesional sanitario”.
CAMPAÑA 2015
A Consellería de Sanidade distribuirá un total de 530.100 vacinas antigripais con motivo da campaña contra a gripe deste ano 2015, que comezou o pasado 19 de outubro.
O obxectivo xeral desta campaña é minimizar o impacto da gripe na saúde mediante a súa prevención, intentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela.
Entre os obxectivos específicos está o de alcanzar unha cobertura de vacinación do 65 por cento entre a poboación maior de 65 anos. Así mesmo, ao igual que o ano pasado, se fará un especial fincapé na vacinación do persoal sanitario co obxectivo de alcanzar unha cobertura do 35 por cento entre os traballadores de atención primaria e especializada.
Durante a campaña deste ano, na que Sanidade inverteu 1.898.104 euros a través do acordo marco coordinado polo Ministerio de Sanidad, utilizaranse dúas vacinas, unha para a poboación xeral e outra indicada en poboación maior de 75 anos ou que viven en residencias.
Galicia conta para iso con máis de 900 puntos totais de vacinación, entre os que se atopan centros de saúde e consultorios; centros hospitalarios públicos; os hospitais, centros médicos e consultas médicas privadas; residencias e centros para a terceira idade de titularidade pública ou privada; unidades asistenciais de drogodependencias; centros penitenciarios; e centros de atención a minusválidos.
Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación, onde lles informarán de como e onde solicitar a cita. A este respecto, as persoas con 60 ou máis anos, así como aqueles que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde, onde serán informados das vacinas que deben recibir.











