Un tripulante turco foi evacuado en helicóptero por unha emerxencia médica
Un helicóptero de Salvamento Marítimo evacuou este martes ata o aeroporto coruñés un tripulante turco por unha emerxencia médica cando se atopaba a bordo dun buque a unhas 100 millas ao noroeste da Coruña.
Segundo informaron fontes de Salvamento Marítimo, ás 9,30 horas dende o buque ‘Sakarya’ pedíase a evacuación dun tripulante turco de 50 anos que presentaba dor abdominal e sangrado rectal.
Por iso, foi mobilizado o helicóptero ‘Helimer 401”, con base na Coruña, para realizar a evacuación médica do tripulante ata o Aeroporto de Alvedro, a onde chegou sobre as 12,00 horas.
No aeroporto esperaba unha ambulancia medicalizada do 061, segundo apuntaron fontes sanitarias, que levou ao evacuado, I.K., de 50 anos, ao Hospital A Coruña.











