Un total de 44 xóvenes de Portugal, Hungría, Letonia, Italia, Grecia e España participan no proxecto europeo “Re-visión da participación”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

Galicia acolle dende hoxe e ata o vindeiro luns, día 9, o proxecto de mobilidade xuvenil “Re-visión da participación”, que reúne a 44 mozos e mozas e oito responsables na toma de decisións no eido da xuventude de seis países europeos: Portugal, Hungría, Letonia, Italia, Grecia e España. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe na praza de Fonseca cos participantes desta iniciativa, que é unha das dúas aprobadas na Comunidade Autónoma nas dúas primeiras quendas de 2015 no marco do proxecto Acción Clave 3, apoio á reforma política, do programa Erasmus+: Xuventude en Acción. En concreto, Acción Clave 3 promove a participación activa da mocidade na vida democrática e fomenta o debate en torno aos temas e prioridades establecidos polo diálogo estruturado e o marco político renovado no ámbito da xuventude.

Esta iniciativa, liderada pola Asociación Cultural, Deportiva e Xuvenil Ser, fomenta a mobilidade xuvenil a través de actividades vinculadas ao diálogo estruturado coa finalidade de achegar aos mozos e mozas aos políticos do seu contorno. Deste xeito, durante sete días os participantes terán a oportunidade de poñer en práctica os principios do diálogo estruturado a través de encontros con responsables políticos de tres niveis: autonómico, provincial e local. O proxecto, dunha duración total de seis meses, inclúe tres tipos de actividades: unha consulta en liña sobre o grado de implicación e participación da xuventude na sociedade, a percepción da clase política e as problemáticas existentes; un seminario transnacional, co obxecto de analizar os resultados da consulta e promover o diálogo estruturado en diversas temáticas de actuación da Unión Europea: empregabilidade, tolerancia e igualdade de xénero, entre outras; e a explotación e difusión dos resultados.

Celia Vázquez destacou que “a mobilidade promove maiores oportunidades de aprendizaxe, de cidadanía, de inclusión social e solidariedade, e reforza vínculos entre os mozos e mozas participantes”. “A participación en proxectos de educación non formal facilita a adquisición de competencias, aptitudes e habilidades que axudarán ao desenvolvemento persoal, educativo e profesional da mocidade”, engadiu.

Elevada participación

Erasmus+ é o programa da Unión Europea para a educación, a formación, a xuventude e o deporte que está en vigor dende o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2020. O capítulo de Xuventude fomenta a mobilidade dentro e fora dos límites da Unión Europea, a aprendizaxe non formal e o diálogo intercultural; e tamén apoia a empregabilidade e a inclusión de todos os mozos e mozas independentemente do contexto social, educativo ou cultural ao que pertenzan.

A nosa Comunidade Autónoma é unha das máis activas tanto en número de proxectos presentados e aprobados como nos fondos recibidos da Unión Europea. Así, nas dúas primeiras quendas do ano 2015 no marco deste programa europeo foron aprobados en Galicia un total de 36 proxectos nos que se estima que participarán 1.198 mozos e mozas e cun orzamento total de 890.257,96 euros, sen prexuízo dos proxectos aprobados noutros países europeos e nos que organizacións e mozos e mozas galegos participan activamente. Segundo indicou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado “este alto índice de participación pon de manifesto a iniciativa da mocidade galega en temas de mobilidade e participación activa en todas as actuacións que teñan que ver coa adquisición de competencias mediante a aprendizaxe non formal”.

Así mesmo, recordou que ao abeiro da Orde da Consellería de Traballo e Benestar do 26 de febreiro de 2015, da participación no programa Erasmus+: Xuventude en Acción se deriva o dereito á expedición dun certificado de educación non formal en materia de xuventude coa que se lle da visibilidade á aprendizaxe non formal adquirida e se validan as competencias asumidas. O obxectivo é contribuír así á mellora das posibilidades de emprego da mocidade galega.

4 de novembro de 2015 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.