Un exsenador do PSOE pide a dimisión de Paco Reyes tras aprobar cos populares unha baixada de impostos en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O exsenador do PSOE Xavier Carro pediu este luns a “dimisión” inmediata do voceiro da súa formación no Concello de Santiago, Paco Reyes, por impoñer ao goberno municipal unha baixada de impostos ao lograr a adhesión do PP á súa proposta.

En concreto, no pleno deste luns, socialistas e populares votaron de forma conxunta rebaixar o tipo do Imposto de Bens Inmobles (IBI) urbano e rústico do 0,54 ao 0,51 por cento, nunha posición que o alcalde, Martiño Noriega (Compostela Aberta), entendeu como “unha moción de censura encuberta pola vía fiscal”, pois a considera “terriblemente irresponsable”, xa que suporá que se deixe de ingresar 2,7 millóns de euros.

Poucas horas despois, a través dun comentario en Facebook, Xavier Carro daba conta do acontecido no Pazo de Raxoi e expresaba a súa “vergoña” polo acontecido.

“Hoxe aprobouse a proposta fiscal do Grupo Municipal Socialista en Compostela cos votos do PP. Vergoña é o que sinto. Paco Reyes dimisión xa”, publicou, e con el coincidiu a exconcelleira socialista Mercedes Rosón: “Paco Reyes é o novo voceiro do PP”.

Rosón competiu en primarias con Paco Reyes por ser a candidata do PSOE á Alcaldía da capital galega e, poucos días despois de ser vencida, presentou a súa dimisión como edila. Posteriormente tratou de conseguir as rendas da agrupación socialista de Santiago, obxectivo que tampouco logrou, acompañada dun equipo de case unha vintena de militantes entre os que se atopaba o propio Carro.

9 de novembro de 2015 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.