Todo preparado en Pontevedra para a celebración do Día Mundial da Diabete
A asociación de nenas e nenos con diabete de Galicia (ANEDIA) ten todo preparado para celebrar o 14 de novembro, Día Mundial da Diabete. Os actos comezaron xa o luns con actividades nos comedores escolares de Pontevedra, Vigo e A Coruña, pero os actos centrais chegan a partir de hoxe xoves co obxectivo principal de concienciar á sociedade sobre a realidade que viven os nenos e nenas con diabete e reivindicar da Consellería de Educación a creación dun protocolo de actuación para regular a atención aos nenos con diabete nos centros educativos de Galicia.
A partir das 18.30 horas de hoxe xoves realizarase na Sala Valdecorvos da Casa Azul sobre a falta de adherencia ao tratamento da diabete impartida por unha educadora, unha nutricionista e una psicóloga do Servizo Galego de Saúde.
Mañá venres os actos comezarán xa pola mañá ás 14.00 horas no colexio de Campolongo en Pontevedra e simultáneamente en centros educativos de Vigo e A Coruña. Representantes de Anedia, do Concello de Pontevedra, das asociacións de nais e pais, dos centros educativos, da Consellería de Educación e da empresa Serunion acudirán á clase práctica sobre alimentación saudable que se desenvolverá nos distintos comedores, nos que os monitores amosarán a todo o alumnado que come un neno ou nena con diabete para cumprir coa inxesta diaria de hidratos de carbono recomendada en función da súa idade e que esa debería ser a alimentación a tomar por todo o alumnado.
Pola tarde, en Pontevedra está previsto que ás 19.00 horas se celebre un concerto da Banda de Música Infantil de Campo Lameiro na praza de España e ás 20.00 horas se ilumine de cor azul o antigo edifico do Concello de Pontevedra na citada praza de España, un acto no que o toque musical será da man do grupo tradicional Madia Leva.
O azul é a cor da diabete e a partir das 20.00 horas tamén se iluminarán desa cor o Pazo Provincial da Deputación Provincial e a Casa da Cultura de Vigo. Ademais, en Moaña a Corporacion municipal porá unha bufanda azul á famosa estatua do bufon.
O sábado 14, propio Día Mundial, celebrarase en Pontevedra a I Milla pola Diabete. Trátase dunha carreira lúdica e festiva para todas as idades e aberta a tódolos cidadáns que queiran participar (a partir dos 3 anos e dividida por categorías). A saída será a partir das 17.00 horas na praza de España.
Anedia regalará a cada participante unha bolsa de avituallamento cunha botella de auga e unha froita e haberá sorteo de agasallos entre todos os participantes.Ademais da carreira, Anedia instalará na praza de España unha mesa con persoal sanitario para que todas as persoas que o desexen poidan facer un control glicémico e saber cales son os seus niveis de azucre en sangue.
Toda esta programación, deseñada por Anedia, conta coa colaboración e o patrocinio do Concello de Pontevedra (concellalías de Deporte, Educación e Benestar Social), Casa Azul, Complexo Hospitalario de Pontevedra, Viaqua, Pic Solution, Dibay e Prosaga. E coa colaboración de Froiz, Termal Spa Moaña, Sanofi, Aboot, Diabalance… que colaboran cos agasallos que se repartirán na carreira.











