‘Terras de Trastámara’ inicia as obras de acondicionamento do centro sociocultural de Ordes
O obradoiro de emprego ‘Terras de Trastámara’ vén de iniciar as obras de remodelación do centro sociocultural ( coñecido como a escola vella) situada na rúa Galicia da vila ordense. Trátase dunha intervención que incluirá traballos de redistribución dos espazos interiores, reformas e pintado tanto do exterior como do interior. A isto hai que incluír os labores de xardinería e acondicionamento das inmediacións. Segundo o previsto polo arquitecto as obras rematarán aproximadamente a finais do vindeiro mes de febreiro. Tras a instalación do novo tellado o pasado ano, esta intervención suporá unha importantísima mellora para este inmoble, que actualmente se dedica a uso social e formativo.
En total a Consellería de Traballo e Benestar inviste 179.000 euros para levar a cabo o obradoiro ‘Terras de Trastámara, iniciativa formativa e laboral impulsada simultaneamente polos concellos de Ordes, Frades e Trazo que aportan outros 41.000 € (18.000 € Ordes, 15.000 € Trazo e 8.000 € Frades). Grazas a este esforzo conxunto hai que falar de 20 persoas desempregadas que de cara ao mes de marzo, unha vez finalizado este período de aprendizaxe e práctica, verán engrosados os seus currículos cunha titulación homologada a través dun certificado de profesionalidade.
Todas e todos eles adquirirán coñecementos e realizarán tarefas especializadas en fábricas de albanelería; pintura decorativa en construción; e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Concretamente o alumnado traballará na rehabilitación da casa reitoral de Santa María de Chaián, en Trazo; na do local sociocultural da rúa Galicia, en Ordes; e na dos locais sociais das parroquias de Ledoira e Papucín, en Frades.











