Técnicos municipais e da propiedade da Casa do Castro concretan a execución do proxecto de consolidación
Despois de que o mes pasado comunicase ao Concello a súa intención de asumir as obras de consolidación do edificio abandonado da Praza do Castro, al como se lle requirira dende a Alcaldía, a actual propietaria do inmoble, a empresa Técnicas de Vidrio Transformado S.L. desprazará mañá a Vilagarcía aos seus arquitectos para que concreten cos técnicos municipais a execución do proxecto. O alcalde, Alberto Varela, congratúlase de que, despois de moitos anos, a problemática de falta de seguridade e de deterioro deste edificio catalogado estea por fin en vía de solución.
Os técnicos de Concello e da empresa manterán unha reunión de traballo na que deberán acordar o xeito de realizar as obras recollidas no proxecto elaborado pola Oficina Municipal de Rehabilitación e que xa conta coa autorización de Patrimonio da Xunta.
Para solucionar o problema de inseguridade e mala imaxe que estaba a dar este edificio no casco vello de Vilagarcía e que ten provocado centos de queixas veciñais, mediante resolución da Alcaldía, Varela Paz, ordenou á propiedade a execución do devandito proxecto de consolidación, limpeza e apeo. O ultimato surtíu efecto posto que en outubro un representante da firma acudiu a Ravella para comunicar ao alcalde que a empresa asumiría a execución das obras valoradas en 60.000 euros.
O requirimento do Concello establecía daba un prazo máximo de execución que, de non cumprirse, faría que o Concello executase as obras de oficio, cobrando logo os custes á propiedade. En vista dos compromisos adquiridos e pola colaboración que está a mostrar, como manifesta a reunión de maña, o alcalde lembroulle ao representante de vidreira na conversa que mantiveron hoxe mesmo, quedado a gravidade e o prolongado da situación, as obras terán que estar en marcha antes de que finalice o ano. En consecuencia a este mandato, a Xerencia do Consello do Urbanismo acordou na reunión celebrada esta mañá rexeitar o recurso interposto pola firma co obxecto de gañar algo máis de tempo para levar a cabo o mandamento da Alcaldía.
O Consello de Xerencia, órgano do que forman parte todos os grupos da Corporación, celebrouse coas ausencias dos representantes de Somos Maioría, Esquerda Unida e BNG.











