publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Teatro e música protagonizarán a fin de semana no centro cultural de Sigüeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

A Concellería de Cultura do Concello de Oroso ten preparado para esta fin de semana unha intensa programación dentro do seu “Outono cultural”, que inclúen unha actuación teatral e un concerto folk que terán lugar este venres e sábado no centro cultural de Sigüeiro. En ambos casos, a entrada é libre e de balde.

Así, mañá venres 20 de novembro a compañía O Aturuxo de Melpómene porá en escena “Desencaixados (Esperpéntica crise)”, un espectáculo traxicómico dirixido por Pablo Sánchez que reflexiona sobre a crise económica dende a deformación esperpéntica da realidade. Aínda que, como aseguran eles mesmos, “non estamos seguros de que é máis esperpéntico: a nosa montaxe ou a nosa realidade actual”. A representación será ás 21:00 horas no centro cultural de Sigüeiro.

Para o sábado 21 de novembro, ás 20:00 horas, o salón de actos do cento cultural de Sigüeiro acollerá un concerto de “Bágoas da Terra”, un grupo folk nacido en Viveiro no 1996. O seu repertorio está composto por temas tradicionais, arranxados polos seus compoñentes, aínda que tamén inclúen temas propios ao ritmo do tradicional cuarteto de gaitas, tamboril e bombo. Unha formación á que, ao longo dos anos, lle foron engadindo zanfona, acordeón, guitarra, cavaquinho, frautas, bouzouqui, etc. Así, ademais de cancións típicas como muiñeiras, xotas… os asistentes ao concerto poderán escoitar tamén rumbas e boleiros.

19 de novembro de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.