SOS Sanidade Pública organiza unha charla na Coruña sobre a morte digna tras o caso de Andrea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Europa Press

SOS Sanidade Pública organiza este mércores, na Coruña, unha charla sobre a morte digna, tras os casos recentes acontecidos como a muller con cancro en situación terminal que estivo dous días en urxencias do Hospital da Coruña “á espera dunha atención específica” ou o da nena de Santiago, Andrea, cunha enfermidade neurodegenerativa irreversible. Terá lugar no salón de actos da ONCE, ás 20,00 horas.

Esta charla organízase en colaboración coa Asociación polo Dereito a Morrer Dignamente co fin de “aclarar os termos de legalidade, a regulación doutros países e as funcións dos diferentes actores decisores sobre como é unha morte dunha persoa”, á marxe da decisión propia.

Tamén pretende explicar como está organizada a atención primaria nos últimos días das nosas vidas e que se fai nas unidades de coidados paliativos.

Deste xeito, informarase do marco legal existente sobre a morte e a capacidade de decisión e elección sobre a propia morte; darase a coñecer o documento de instrucións previas e a súa regulación en Galicia; aclararanse conceptos diferentes entre eutanasia, suicidio asistido, limitación do esforzo terapéutico e sedación paliativa; explicaranse as funcións e procedementos do Comité de Ética Asistencial na sanidade pública; e darase a coñecer que se fai nas Unidades de Coidados Paliativos, é dicir, cáles son as prácticas asistenciais, qué recursos sanitarios hai e como se accede a eles.

Intervirán na charla a presidenta da Asociación Galega de Dereito a Morrer Dignamente, Emilia Irima; a profesora de Filosofía do Dereito da Universidade da Coruña e antiga participante do Comité de Ética Asistencial do CHUAC, Ascensión Cambrón; e o xefe da Unidade de Coidados Paliativos e Coidados Continuos do CHUAC, Juan Sanmartín.

17 de novembro de 2015 | 11:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.