Sexto concurso de monólogos en lingua galega para estudantes da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña vén de poñer en marcha a sexta edición do ‘Concurso de monólogos cómicos en lingua galega’, ao que está chamado a participar todo o alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional do municipio. Os e as participantes acudirán a unha gala pública e gratuíta que se celebrará o 16 de decembro no teatro Rosalía de Castro e na que representarán os seus monólogos. A inscrición pode facerse no correo electrónico educacion@coruna.es , mentres que as bases do concurso atópanse na web do Servizo Municipal de Educación ( www.edu.coruna.es ), e do Centro de Información Xuvenil ( www.coruna.es/nex ).

No certame, que busca fomentar o uso da lingua galega entre os e as estudantes, establécense tres categorías. A primeira é para os alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO; a segunda para os cursos de 3º e 4º de ESO, mentres que a terceira está reservada para o estudantado de Bacharelato e dos ciclos formativos.

Para cada unha das categorías estableceranse dous posibles temas sobre o que debe versar o monólogo, tendo que elixir os as participantes por cal dos dous temas opta. Así, na primeira categoría os temas son “Meu pai pensa que é todo un Chicote…” ou “Na ESO: de maior a pequeno”. Para a segunda categoría, os monólogos versarán sobre “Os/as runners ” ou “Ás doce na casa!”. E para a terceira categoría os temas son “As miñas hormonas están a cen” ou “O futuro xa está aquí”.

No concurso poderán participar alumnos de maneira individual ou en grupos, sendo o máximo de tres persoas. Para a valoración dos e das gañadoras terase en conta de forma especial a orixinalidade do monólogo, a calidade lingüística e a interpretación ou dramatización no momento da representación. Ademais, os monólogos non poden exceder dos cinco minutos de duración. En cada categoría hai un primeiro e un segundo premio, recibindo os gañadores entradas para asistir aos espectáculos incluídos nos ciclos de teatro ‘Sen Numerar’ e ‘ILUSIOOOHN!’. O alumnado que participe tamén recibirá un diploma acreditativo.

3 de novembro de 2015 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.