Serunión tamén renuncia ao servizo de comedor de Santiago
A empresa Serunión, que presta actualmente o servizo dos comedores do Concello de Santiago, tamén manifestou a súa intención de renunciar á nova concesión que lle correspondía tras dar o mesmo paso as outras dúas empresas que tiña por diante no concurso: Villasenín –Ruta Jacobea- e Perea Rojas.
Ruta Jacobea comunicou a decisión este luns aducindo razóns de “incapacidade” para asumir o servizo. Previamente, rexeitara a adxudicación a sinatura malagueña Perea Rojas, á que a Xunta rescindiu o contrato para atender comedores escolares en varias localidades por irregularidades nos menús.
Este martes estaba prevista a reunión a primeira hora da mesa de contratación, na que debía formalizarse a concesión a Serunión. Finalmente, non puido celebrarse por un problema de saúde do secretario e queda pendente para “os próximos días”. “Se pode ser, mañá”, sinalou o alcalde da capital galega, Martiño Noriega.
En todo caso, o rexedor confirmou que xa se tomou constancia da renuncia de Serunión a este servizo, a terceira que se produce. Agora, no apartado xurídico legal, tocará á mesa estudar o acontecido e propoñer unha solución á xunta de goberno, posto que esta era a última sinatura do concurso.
Dende o punto de vista político, Noriega enviou unha mensaxe de “tranquilidade” aos pais e garantiu que o servizo se seguirá prestando “con normalidade” ata que se solucione o problema. Continuará en mans de Serunión “estes días”, toda vez que ese era o compromiso “mentres que non se resolvía a situación”.
“MOTIVOS INESPECÍFICOS”
Preguntado acerca das razóns que esgrime Serunión para dar este paso, o alcalde aludiu a “motivos inespecíficos” e, se ben rexeitou “aboarse” a calquera tipo de “teoría conspiranoica”, recoñeceu que despois de oito anos nunha administración local “nunca” viu nada igual. “Que nun servizo no que se melloran os pregos, aumentan os prezos a pagar pola prestación de servizos, haxa unha renuncia encadeada das empresas que acoden”, precisou.
No caso da primeira que deu o paso, Perea Rojas, asegurou que se podían entender as razóns na medida da “alarma social” que se produciu tras a anulación dos contratos que asumira coa Xunta. “Nas outras dúas, as razóns saberanas elas”, sinalou, para apostilar que “parece ser que é por cuestión de carga de traballo”.
“Non sei en qué medida a decisión da Xunta de anular concesións levou consigo a un movemento de fichas que levou consigo unha maior carga ás empresas que imposibilitan que se fagan cargo do servizo de Santiago”, reflexionou, a liña seguida, para concluír que, en todo caso, é unha situación anómala dende o punto de vista da tramitación administrativa.
De feito, apuntou que “nin os propios membros” da mesa de contratación, algúns con moitos anos de experiencia neste tipo de concursos, se viran “nunca” nunha situación así.
ANALIZAR OS PASOS A DAR
Agora o que queda, segundo explicou Noriega, é que a mesa estude “as ferramentas” das que dispón o Concello para solucionar este problema. “(Haberá que ver) se hai que ir cun novo concurso ou se pode activar un mecanismo de contratación directa para emerxencias”, exemplificou.
Sobre o prazo para resolver a situación, replicou que “dependerá moito” da proposta da propia mesa e de se hai que activar un novo concurso ou se pode habilitar unha solución directa. “Non me quero adiantar”, remarcou, para insistir en que a reunión do órgano de contratación se celebrará “o antes posible”.











