Santiago decántase por un proceso negociado para os comedores escolares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago tratará este venres pola vía de urxencia a posta en marcha dun proceso negociado para a contratación do servizo de comedores escolares, tras a renuncia das tres empresas presentadas ao concurso previo.

Así o asegurou este xoves o alcalde, Martiño Noriega, que deu conta da decisión da Mesa de Contratación de pechar o proceso tras a renuncia das tres empresas presentadas. Esta mesa constatou que o concurso quedou ” deserto” e realizou unha solicitude ás empresas para que “acheguen as razóns” da súa denuncia por vía documental.

Segundo os informes xurídicos, se estas explicacións non son razoables, podería derivar na “imposibilidade” de volver contratar con esta administración local, aínda que “non cabe lugar a unha penalización”, destacou o alcalde.

Ante esta situación, e unha vez consultados os “informes xurídicos”, o goberno local proporá na Xunta de Goberno a posta en marcha dun proceso negociado de contratación, en lugar de ir a un novo concurso que se estendería moito no tempo” e dada a “excepcionalidade do momento”.

A intención de Martiño Noriega é que as tres empresas que se inclúan neste proceso sexan “de ámbito local”, a condición de que haxa entidades que “estean en condicións de prestar” este servizo. As condicións serán as mesmas nas do prego do concurso.

XERAR UNHA POLÉMICA

Martiño Noriega criticou a aqueles que buscan “xerar unha polémica e unha alarma” onde el busca “unha solución” á situación xerada tras a renuncia das tres empresas.

Nesta liña, mostrouse “sorprendido” polas voces do PP local que estes días lle pedían “que actuase sen que a mesa de contratación fixese o seu traballo” e “pechado o proceso”, algo que é “imposible” sen estar “prevaricando”.

Do mesmo xeito, reiterou que nestes momentos o servizo de comedores “está garantido” a través da empresa que o viña prestando”. “Cónstanos que hai boa vontade de seguir prestando este servizo ata que non se resolva un procedemento que é relativamente rápido”, subliñou o rexedor.

19 de novembro de 2015 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.