Santiago acolle un Encontro de Política Lingüística Municipal para darlle un pulo ao galego
Compostela acollerá próximo 16 de novembro, un Encontro de Política Lingüística Municipal, impulsado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística. A cita ten como obxectivo poñer en común experiencias e proxectos para darlle un pulo ao galego dende as administracións locais.
Na presentación deste encontro, o alcalde compostelán expresou a vontade do Goberno local de reactivar o traballo en prol da lingua. Martiño Noriega lembrou a longa tradición que ten Santiago nesta materia, cun esforzo continuado no campo da normalización dende os tempos do alcalde Xerardo Estévez.
O Encontro de Política Lingüística Municipal pretende actualizar o entusiasmo e o discurso a prol da lingua galega emitido e difundido dende os concellos, activar a implicación das administracións locais no proceso de normalización lingüística e establecer pautas comúns nesta materia. Tamén se quere reforzar a colaboración e o traballo en rede neste eido, e desenvolver e ampliar a participación en proxectos dinamizadores colectivos.
Programa
O encontro vaise desenvolver no Auditorio de Galicia o luns 16 de novembro. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, será o encargado de inauguralo, xunto co presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística, Nel Vidal Barral. Despois das súas intervencións, celebrarase unha primeira mesa de debate, conducida pola xornalista Fernanda Tabarés, na que teñen confirmada a súa participación o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; a concelleira de Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre; a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero; o alcalde da Estrada, José López Campos; e o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña.
O Encontro de Política Lingüística Municipal completarase coas intervencións dos técnicos de normalización lingüística dos concellos de Carballo, Ames, Ourense, Pontevedra e Compostela, que porán sobre a mesa algúns proxectos colaborativos para o fomento do galego. En concreto, presentarán iniciativas relacionadas cos clubs de debate, para a socialización da infancia en galego e para o fomento de youtubers na nosa lingua.
No foro están convidados a participar alcaldes, concelleiros, representantes políticos de diferentes administracións, técnicos de normalización e membros de entidades implicadas no proceso de normalización da lingua. A confirmación de asistencia pode facerse a través do enderezo electrónico info@ctnl.gal.











