publicidade hoxe

San Sadurniño converterase na capital do peón este mércores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

“Polo San Martiño, peóns ao camiño”. Ese é dito popular co que a asociación Brinquedia Rede Galega do Xogo Tradicional convocou para este mércores 11 de novembro -día de San Martiño- o Día do Peón. Unha celebración na que participan centros educativos e outras entidades de Galicia e coa que se pretende reivindicar este divertimento de toda a vida e, de paso, reivindicar os xogos grupais nun tempo dominado polas distraccións tecnolóxicas.

Co gallo do evento reuniranse no CPI alumnado e profesorado do CEIP Mosteiro de Caaveiro da Capela, do colexio de San Ramón de Moeche, do CEIP A Laxe-Valón de Ferrol, do centro rural agrupado de Valdoviño e do CEIP fenés de Ceintieiras. Agárdase que participen preto de 550 rapaces xunto cuns 40 mestres e mestras, pertencentes aos niveis de infantil, primaria e da ESO.

A xornada propón varias actividades que se desenvolverán entre as 11.15 e as 13.15h. repartidas en dous bloques. Así, a primeira metade do encontro propón unha oferta simultánea de obradoiros e mostras relacionadas co xogo, como son o traballo ao vivo dun torneiro, a decoración dun peón xigante, a construción e pintado de bailaretes (pequenos peóns que se fan xirar cos dedos), a fabricación de móbiles (formas recurtadas en cartolina que se penduran en fíos para que as mova o aire), exhibicións de habilidade coa buxaina, unha sesión de baile tradicional coa colaboración do grupo pontés “No Cómbaro” e a visita á exposición “O peón, un mundo de amizade”, cedida para a ocasión polo Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”, que tamén colabora no evento.

A segunda parte do encontro, entre as 12.45 e as 13.15h., abrirá coa lectura do manifesto do Día do Peón por parte do seu autor deste ano, o mestre xubilado e director do Museo Etnográfico da Capela Secundino García Mera.

O manifesto lerase xusto antes dun dos momentos máis agardados da mañá, cando todos os nenos e nenas -e tamén maiores- farán bailar os seus peóns ao berro de “Polo San Martiño, peóns ao camiño”, un dito popular que nos fala da estacionalidade dun xogo que dura boa parte do outono e do inverno. Canda a tirada conxunta tamén se desafiará a gravidade poñendo a andar un peón xigante.

Estas actividades están organizadas pola asociación Brinquedia co apoio do CPI de San Sadurniño e do Concello. A entidade leva anos traballando na recuperación e difusión do xogo tradicional como parte fundamental da nosa cultura, pero tamén como vía de socialización e de educación da infancia e a mocidade. 

10 de novembro de 2015 | 10:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.