publicidade hoxe

Mos logra ampliar sensiblemente o servizo de transporte ó novo hospital

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concelleira de Mobilidade mosense, Kely Monzón, informou hoxe da ampliación das liñas de transporte interurbán para chegar dende Mos ata o novo hospital Álvaro Cunqueiro. Así mesmo a edil anunciou que nas paradas de autobús que resultan implicadas instalaranse paneis informativos nos que se detallan horarios e frecuencias das devanditas liñas e se repartirán folletos con esta mesma información polos diferentes puntos de interese das dez parroquias mosenses.

Son 5 as compañías de transporte que na actualidade operan nesta zona e que comunican co novo hospital: Ojea, Atsa, Auto Industrial, Melytour e Raúl; facendo un total de 83 viaxes diarias: 44 expedicións de ida e 39 de volta. Estas cifras evidencian o sensible aumento de expedicións, que se cuadruplican respecto das rexistradas ó inicio do servizo, a principios do pasado mes de xullo, cando o total de viaxes diarias realizadas ascendía a 29, o que representa 54 viaxes menos ó día que actualmente. 

A concelleira Kely Monzón destacou sobre todo a importancia das novas rutas interiores logradas gracias á xestión municipal e que dan servizo a zonas que antes non tiñan comunicación de transporte público co Álvaro Cunqueiro, tales coma Sanguiñeda, Vaquero, Petelos, Porteliña, Rexenxo, Tameiga, Rans e Ramilo. E salientou tamén as novas paradas conseguidas na parroquia de Cela que son tres: Cela, Alto San Colmado e CUVI. 

En total, con esta ampliación, son 55 as rutas de transporte interurbán que comunican co hospital Álvaro Cunqueiro e que pasan por Mos, dando servizo ós e ás mosenses nun amplo abano de horarios que abarca dende a primeira ida ás 07.08 horas da mañá ata a última volta do día que é ás 22.15 horas. 

A este respecto Monzón explicou tamén que “estamos tamén pendentes de que nos autoricen, dende a dirección xeral de Mobilidade da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, unha liña de volta a Mos dende o hospital que cubriría a franxa horaria dende as 14.00 horas ata as 16.15 horas, que actualmente se atopa sen cobertura, para que os viaxeiros usuarios dispoñan de servizo de transporte nos casos nos que salan das consultas médicas á última hora da mañá”. Tamén se atopa á espera de autorización autonómica unha liña que comunicaría o hospital coas parroquias de Mos e Dornelas.

6 de novembro de 2015 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.