Román Rodríguez cualifica as Spin-off como a mostra do transvase de coñecemento da Universidade á sociedade

Entrega de premios. Foto: M. Fuentes
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na entrega dos premios Galicia Spin-Off, creados para recoñecer as mellores iniciativas empresariais xurdidas dende grupos de investigación das tres universidades galegas. Nesta primeira edición do certame resultaron galardoadas na categoría de Selo de Calidade a empresa Imatia, dedicada ao desenvolvemento rápido de software innovador; e na de Idea Emerxente a compañía Situm, especializada en xeoposicionamiento en interiores. Ademais, a empresa de biotecnoloxía Celtalga recibiu unha distinción como finalista na segunda das devanditas categorías.
Durante a súa intervención o conselleiro cualificou as Spin-off como a mostra máis evidente do transvase de coñecemento da Universidade á sociedade; o que implica tanto a creación de riqueza como a capacidade de explorar novos nichos de creación de emprego de alta cualificación. Neste sentido lembrou que estas empresas se distinguen por ter unha base tecnolóxica e grande capacidade innovadora, polo que constitúen viveiros de emprendemento. Ao tempo sinalou o alto grao de internacionalización dos clientes das spin-off, o que abre portas á competitividade global da nosa universidade.
Román Rodríguez felicitou ás empresas gañadoras por ter acadado este recoñecemento, como expoñentes que son da excelencia dos traballos que en Galicia se están desenvolvendo en materia de ciencia e investigación; e lembrou a importancia de difundir o traballo que os profesionais están a realizar nos centros de investigación financiados con fondos públicos como parte desa necesidade de retorno á sociedade.
Galardón avalado por profesionais
Os Premios Galicia Spin-off foron convocados polo Banco Pastor e GCiencia co obxectivo de distinguir ás spin-off galegas máis destacadas pola súa traxectoria (Selo de Calidade) e pola posta en marcha de ideas innovadoras (Idea Emerxente). De forma paralela á convocatoria dos premios púxose en marcha o portal específico Galicia Spin-Off (www.galiciaspinoff.com ).
O xurado estivo composto por representantes da Consellería, así como por expertos da entidade financeira e do portal GCiencia, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), e por profesionais da ciencia de recoñecido prestixio.











