Roi Rodríguez iniciou a súa novena semana de adestramentos da nova tempada
O padeeiro do Kaiak Tudense enfróntase ao “desafío deportivo máis importante da súa carreira”, segundo confesión propia. O seu obxectivo é participar nos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro. “Teño ambición, pero tamén son consciente de que non será fácil. A preparación e a mentalización teñen que ser esixentes”.
“As sensacións son boas”, sinala o deportista tras os máis de dous meses de traballo no río Miño. Engade que “o máis importante é estar ben nas citas decisivas”. No seu percorrido cara aos Xogos Olímpicos terá que superar dous exames. Un control selectivo español e outro internacional. O primeiro deles aínda sen data, o segundo en Alemaña a mediados do mes de maio, o que outorgará as prazas olímpicas. Pero para chegar alí terá que superar o nacional.
Roi Rodríguez recoñece que “non é fácil. Primeiro teño que ser o mellor en K-1 1.000 metros en España. Hai rivais moi cualificados”. A praza tena por agora Paco Cubelos, que non logrou o obxectivo olímpico no Mundial de Milán. Alí, no mes de agosto, Roi Rodríguez foi cuarto en K-1 500 metros na súa primeira aparición na categoría sénior. Gañou todas as roldas previas e prexudicoulle o vento na regata decisiva. Tampouco era a súa distancia ideal.
O compoñente do Kaiak Tudense insiste en que “o meu obxectivo está claro. Durante o 2015 as cousas foron moi ben, para estar contento. Pero estou ante unha gran oportunidade e quero aproveitala”. No pasado mes de xullo Roi Rodríguez impúxose no Mundial sub-23 en K-1 1.000 metros con gran autoridade. Tamén gañou o ouro en K-4 1.000 metros. Foi a confirmación da súa calidade e progresión. Despois, en Milán foi o centro de atención de adestradores, posibles rivais e afeccionados.
A palabra “ilusión” é a que máis repite un mozo que aínda pertence á categoría sub-23. É consciente de que a preparación da actual tempada está condicionada por un obxectivo concreto. Explica que agora mesmo o teño moi claro. Preparar o selectivo nacional. Hai moitos padeeiros cun gran nivel e non é fácil. Ademais será pronto, en febreiro ou marzo. É incuestionable estar ben nese momento”.
Roi Rodríguez demostrou durante 2015 ser o mellor na distancia de 1.000 metros, algo que levou a considerarse como un serio candidato a estar nos Xogos Olímpicos. Opta a unha praza individual, pero tampouco se descarta nun barco de equipo. “Todo pode suceder. É certo que hai moitas combinacións, pero agora toca adestrar e traballar. O resto xa se verá”, sinala.
Esteban Alonso e Manuel Pedrares, os seus adestradores no Kaiak Tudense, recoñecen que Roi Rodríguez posúe talento, calidade e é meticuloso en todo o que fai. O primeiro deles reitera que “ten que estar nos Xogos Olímpicos. Mereceullo polo seu magnífico rendemento durante a tempada 2015. Ninguén lle puido gañar, salvo en Milán pero non era a súa distancia. Iso di moito”.
O padeeiro é rigoroso en todo o que fai. Non deixa nada ao azar. Compaxina o piragüismo e os estudos. Sabe dosificar os seus esforzos e é disciplinado. A súa brillante traxectoria nos dous últimos anos convertéronlle no mellor padeeiro nacional. Pero sabe que o seu gran aposta será en Duisburgo (Alemaña) no mes de maio. Alí pode lograr o seu gran soño nunha pista na que nunca competiu.











