Rocío Fraga participará en Madrid nunha xuntanza que se celebrará tras a marcha contra as violencias machistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, será recibida este sábado no Ayuntamiento de Madrid pola súa alcaldesa, Manuela Carmena, xunto ás súas homólogas noutros concellos marcados por unhas liñas de traballo a prol da igualdade de dereitos entre a cidadanía. O acto celebrase co gallo da Marcha Estatal Contra as Violencias Machistas, á que tamén está previsto que acuda a edil, en representación do Concello da Coruña.

Posteriormente, participará nunha xuntanza de traballo onde as representantes dos distintos gobernos municipais compartirán información e analizarán as políticas que están a desenvolver nos seus respectivos municipios na súa área.

A concelleira de Igualdade manifestou que a súa presenza en Madrid, en representación do Goberno coruñés, está xustificada xa que “cremos que o feminicidio que se está a producir é unha cuestión de Estado”. “Imos seguir actuando en todo o que poidamos dende o ámbito local, dende a atención á prevención das violencias machistas, pero instamos ás administracións competentes, tanto á Xunta, como ao goberno do Estado español a tomarse isto realmente en serio”, engadiu.

A concelleira insistiu en que é necesario que a administración central “incremente recursos e modifique a lexislación para adaptala á situación real das mulleres que sofren violencia machista en calquera das súas manifestacións”.

Por outro lado, e ao igual que ocorre noutras cidades galegas e do Estado español, o Pazo de María Pita ten pendurada da súa fachada unha faixa contra as violencias machistas e en apoio da marcha estatal que se celebra este sábado en Madrid.

6 de novembro de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.