Rey Varela compromete o traballo da Xunta para acadar “unha esperanza de vida cómoda, agradable e libre de dependencia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou no almorzo coloquio celebrado hoxe en Vigo e organizado polo Faro de Vigo e o SabadellGallego titulado ‘Retos de vivir 100 anos. As pensións do futuro’. Alí asegurou que “os retos demográficos son retos de todo o Goberno galego” e salientou “dúas políticas fundamentais que estamos a relanzar” desde a Consellería de Política Social. Por unha banda, o titular da área social comprometeu o traballo do Goberno autonómico para acadar unha esperanza de vida “cómoda, agradable e libre de dependencia” que reverta nunha maior calidade de vida dos nosos maiores. Así tamén, subliñou a importancia do impulso da natalidade para paliar unha taxa de reposición que vai diminuíndo e lograr que Galicia sexa “o mellor lugar para os nenos e para as nenas”.

Respecto aos maiores que viven en Galicia, o conselleiro lembrou a importancia da oferta pública de coidados de longa duración ou da Lei de Dependencia na “canalización de novos recursos públicos para garantir que se viva máis anos e con maior calidade de vida”.

O responsable da carteira social uniu estes dous obxectivos co tema das pensións, “un tema estratéxico para calquera Estado de Benestar” e asegurou que “para garantir as pensións de mañá existe a necesidade indispensable da renovación”. Nesta liña o conselleiro aseverou que “os mozos e os maiores son tan importantes para as políticas sociais como a cotización e as pensións o son para a economía dun país”.

“Que os maiores poidan vivir máis anos cunha boa calidade de vida e que ao mesmo tempo as familias galegas saiban que o Goberno de Galicia estará permanentemente colaborando para que se dean as condicións para que haxa máis nenos e nenas en Galicia”, concluíu.

20 de novembro de 2015 | 13:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.