Rey Varela anuncia un incremento do 5% no convenio coa FAXPG

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Rey Varela na visita á sede de FAXPG. Foto: M. Fuentes

Rey Varela na visita á sede de FAXPG. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou na mañá de hoxe a sede da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) onde atendeu as principais necesidades deste colectivo e asegurou que a Administración pública traballará na “eliminación de barreiras de comunicación en todos os ámbitos nos que participan as persoas xordas para acadar a súa total accesibilidade e inclusión na sociedade”. Para iso, dixo o conselleiro, “aumentamos o importe do convenio coa Federación nun 5% ata chegar aos 723.6444 euros para o vindeiro curso 2016”.

Na visita ás instalacións da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, o responsable da área social enxalzou o traballo da organización en prol da “integración educativa, sociolaboral e cultural das persoas xordas” a través de iniciativas en ámbitos como o voluntariado, o emprego ou a a formación. Así tamén a Federación presentoulle ao conselleiro o proxecto piloto OMNI, liderado pola Confederación Estatal de Persoas Xordas. Rey Varela adquiriu o compromiso de que o seu departamento “valorará proximamente este proxecto para atención de persoas xordas maiores e válido para calquera persoa maior”.

A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia é unha ONG sen ánimo de lucro fundada en 1979 que ten como misión xerar as condicións que aseguren o desenvolvemento global das persoas xordas de Galicia en condicións de accesibilidade universal e igualdade de oportunidades tendo en conta a identidade xorda e a súa diversidade, .

Un 7% máis de presuposto na Dirección Xeral

O conselleiro salientou ás persoas xordas de Galicia como un “grupo moi relevante” dentro do colectivo de persoas con discapacidade. Un colectivo que, dixo o conselleiro, “grazas á nova estrutura orgánica da Consellería, gaña presenza”. De feito, a Dirección Xeral de Maiores e Discapacidade aumenta nun 7% o seu peso nos Orzamentos da Xunta para 2016 ata chegar aos 281,3 millóns de euros.

Para o vindeiro exercicio 2016, no que atinxe a atención ás persoas con discapacidade, a Consellería de Política Social pon en marcha novas iniciativas con financiamento europeo. Estas son: unha liña de axudas para a eliminación de barreiras arquitectónicas, a creación dun banco de produtos de apoio e axudas individuais destinado a adquisición de servizos da autonomía persoal, a modernización de centros públicos con novos equipamentos tecnolóxicos que sirvan de apoio para a atención dos usuarios e melloren as condicións de traballo dos profesionais (cun investimento de 2,9 millóns de euros); e novos programas de formación e asesoramento para coidadores/as de persoas con discapacidade. Ademais, en 2016 reforzarase nun 20% o apoio económico ás federacións integrantes no CERMI acadando esta partida os 3,6 millóns de euros.

16 de novembro de 2015 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.