Remata a mellora e mantemento no río grande de Xubia no concello de Narón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+
O antes e despois das actuacións

O antes e despois das actuacións

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de rematar unha acción de conservación no río Grande de Xubia, no Concello de Narón. Esta tarefa que realiza Augas de Galicia tivo por obxectivo evitar os asolagamentos nas etapas de choivas abundantes e intensas, sobre todo nas proximidades das pontes nas que se adoitan a depositar material de arrastre.

Neste caso concreto, actuouse nun tramo de case medio quilómetros á altura da parroquia de San Lourenzo, nos lugares de Cerdeiras e Doso; e os traballos realizados consistiron na retirada de atasco por troncos e ramas na ponte de Cerdeiras e outras árbores caídas no leito do río.

Todos estes labores tiveron un custo aproximado de 4.000 euros.

Cabe recordar que os traballos de roza están recollidos dentro do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público das bacías de Galicia-Costa e as súas zonas de acceso e protección que a Xunta de Galicia promove.

Pulo ás actuacións de conservación e limpeza
O Goberno galego conta cun Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia, que inclúe as medidas necesarias para axilizar a limpeza dos ríos, que reduce de 6 meses a 15 días o período de tramitación para autorizar limpezas de ríos co fin de optimizar o estado ecolóxico das canles da Demarcación Galicia-Costa e evitar riscos de asolagamentos.

Con esta normativa só é necesario que o particular ou administración local correspondente comunique con 15 días de antelación as tarefas a executar a Augas de Galicia. Trátase dunha axilización fronte aos outros trámites, que se traducen nunha duración de entre 4 e 6 meses por expediente.

3 de novembro de 2015 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.