PSOE e BNG de Lugo esixen explicacións polas manobras do PP para “boicotear” o goberno provincial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Europa Press

Os voceiros de PSOE e BNG na Deputación de Lugo, Álvaro Santos e Antonio Veiga, respectivamente, esixiron explicacións este venres ao presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, polas manobras do seu partido para “boicotear” o goberno provincial.

En rolda de prensa, aludiron así a unhas fotografías que retratan un encontro do alcalde de Becerreá, o socialista Manuel Martínez, coa voceiro do PP na Deputación, Elena Candia, días antes do pleno no que sumaron os seus votos para reducir os asesores e as dedicacións do BNG na institución provincial.

“Falan por si soas”, resaltou Álvaro Santos, para quen o PP na provincia de Lugo está “no nivel máis baixo”. “De Candia non pode esperar nada máis que chafalladas; Candia é unha fraude, son pactos escuros e Candia é quen os promove e quen os provoca”, remachou.

Dito isto, Antonio Veiga recalcou que se trata dun “boicot” ao goberno por parte do PP “sen ningún rubor nin miramento” e “amparado polo PP de Galicia”. Por iso, instou aos máximos responsables dese partido a “responder” do que está a acontecer.

En paralelo, Santos recolleu a denominación empregada o xoves polo presidente da Deputación, Darío Campos, e acusou de “tránsfuga” a Manuel Martínez. “Coincide nos modos de actuar co que recolle o Pacto Antitransfuguismo: cando alguén co seu voto dificulta o goberno do grupo ao que pertence”, sentenciou.

6 de novembro de 2015 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.