publicidade hoxe

Programa do Outono Cultural para esta fin de semana en Rianxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRianxo
A-
A+

XOVES 19 DE NOVEMBRO

12.00 h – Auditorio de Rianxo

CHARLA INFORMATIVA: PLAN DE GARANTÍA XUVENIL

No marco do Plan de Garantía Xuvenil, o vindeiro xoves 19 de novembro, vai ter lugar no Auditorio de Rianxo unha charla informativa, na que se presentarán as características do programa e se explicara o proceso de inscrición. O Plan de Garantía Xuvenil está encamiñado a proporcionar oportunidades de formación e emprego para a mocidade de 16 a 29 anos.

VENRES 20 DE NOVEMBRO

21.00 h – Auditorio de Rianxo

CONCERTO: Grupo A Misela de Música Popular Iberoamericana

O grupo A Misela ofrecerá un concerto arredor da Música Popular Iberoamericana. O grupo musical “A Misela” nace, a comezos do 2011, dunha iniciativa de socios da Sociedade Liceo de Noia que comparten o gusto común pola música popular hispanoamericana.

Pouco a pouco o grupo comeza a medrar en entusiasmo, calidade musical e novos integrantes, ata chegar aos 12 compoñentes actuais. Musicalmente o conxunto organízase en 12 voces masculinas acompañadas por instrumentos que están a cargo dos mesmos integrantes: guitarras, requinto, baixo acústico, percusión, charango, frauta, etc. O perfil musical é moi amplo, apuntando a investigar e poñer en escena versións propias de cancións tomadas da música popular e folclórica de toda latinoamérica, así como tamén de España e particularmente de Galicia, con algunhas de propia creación. A dirección musical está a cargo do Prof. Alejandro Guillermo, que fai os arranxos vocais e instrumentais e ten o seu cargo tamén a execución do baixo.

As entradas teñen un custe de 4 € e poden adquirirse unha hora antes do comezo do concerto na billeteira do Auditorio.

SÁBADO 21 DE NOVEMBRO

20.30 h – Auditorio de Rianxo

TEATRO: Furancho, con Marián Bañobre e Isabel Risco a cargo de Ibuprofeno Teatro

Ibuprofeno teatro achégase unha vez máis ao Auditorio de Rianxo, nesta ocasión coa produción O Furancho onde MARIÁN BAÑOBRE e ISABEL RISCO interpretan a unhas Furancheiras Multidisciplinares.

No seu particular furancho pódese consumir o excedente de viño, que é sinónimo de humor, e gozar dun espazo de comunión e complicidade no que o público acode a empaparse coa máis pura e sincera expresión da comedia hilarante. E para quen non sexa de moito beber alcohol, no noso Furancho Spa resort vitinícola Rosalía de Castro ofrecemos tratamentos de beleza e saúde baseados na viñoterapia. O corpo humano é unha parra que se expande. Cada célula é unha uva que nos flúe por dentro. Nós cruzamos as sementes das cepas máis exquisitas para atopar a combinación perfecta que che aporte relax e benestar. Todo sen química, nin sulfitos. Ecolóxico 100%.

Recomendada para maiores de 12 anos.

Entrada de balde ata completar aforo. Retirada de invitacións unha hora antes do comezo do espectáculo (máximo 2 por persoa)

DOMINGO 22 DE NOVEMBRO

19.00 h – Escolas Vellas de Asados

TEATRO: Nosa Señora das Nubes a cargo de Teatro Airiños de Asados

Oscar e Bruna, dous exiliados dun país chamado Nosa Señora das Nubes, atópanse por acaso e rematan por tirar do fío dos recordos. É así como aparecen en escena unha troupe de personaxes extravagantes, aloucados pero moi divertidos: o pai empecinado en casar á filla, a vella Xosefa que non para de falar, o mesmísimo gobernador que berra e berra en escena, dous militantes contra o réxime, os irmáns Aguieira que non fan máis que piropear todo o día, o director da orquestra e a súa muller, farta de que a piropeen, un tolo poeta e mesmo un home que é quen de facer cousas imposibles. A través deles será como os espectadores poidan coñecer ese país, Nosa Señora das Nubes, do que tiveron que fuxir.

18 de novembro de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.