Preséntase no Campus de Lugo unha campaña para previr a violencia de xénero entre o alumnado universitario
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Mª do Carme Silva, presentaron hoxe a iniciativa “Todos os días loitando contra a violencia de xénero”, unha campaña de sensibilización e información coa que se pretende loitar contra a violencia de xénero entre o alumnado universitario galego.
A campaña conta coa colaboración das tres universidades galegas e das entidades Abanca Obra Social e El Corte Inglés e ten o obxectivo implicar á xente máis nova na concienciación e necesidade de acabar coa lacra social que supón a violencia machista.
A iniciativa comezou o pasado 25 de novembro no campus de Santiago, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero. Agora percorrerá o resto de campus galegos, nos que se vai instalar un punto de atención con material informativo que incide na idea de que o “amor romántico” non debe servir para encubrir actitudes ou comportamentos violentos.
A campaña de sensibilización trata de fortalecer os mecanismos de prevención da violencia de xénero, á vez que darlle visibilidade e crear conciencia social. Os últimos estudos publicados revelan que a mocidade constitúe un grupo “especialmente vulnerable” á violencia machista e que poboación máis nova está a reproducir de maneira preocupante uns estereotipos de xénero que se crían erradicados.
Por iso, iniciativas como a que se presentou esta mañá en Lugo buscan que os mozos e mozas sexan capaces de recoñecer esas condutas nocivas e poidan frealas, e dese xeito evitar que se agraven e supoñan un maior risco de violencia de xénero no futuro.
Un selfie contra o mal amor
Ademais do material informativo, a campaña de sensibilización leva aparellada a acción Un selfie contra o mal amor, un concurso a través do cal os universitarios e universitarias galegos poderán subir unha autofoto a través das súas redes sociais e manifestar nelas o seu rexeitamento á violencia de xénero.
A acción Un selfie contra o mal amor estará hoxe no Campus de Lugo, para pasar posteriormente ao da Coruña (1 e 2 de decembro), Ferrol (3 de decembro), Pontevedra (9 de decembro), Ourense (10 de decembro) e Vigo (14 de decembro).











