Permanece aberto o prazo para apuntarse no roteiro de Zobra
O Concello de Lalín recorda que todos aqueles que desexen participar na segunda andaina organizada por Roteiros de Lalín, O sendeiro de Zobra, aínda poden inscribirse durante o día de mañá. A solicitude de participación debe tramitarse a través da páxina web municipal, www.lalin.org, no apartado de “rutas por Lalín”, onde ademais está a disposición dos interesados toda a información sobre a ruta.
A andaina contará con dous percorridos. O primeiro, que será o principal, ten unha lonxitude de 11 quilómetros cunha duración aproximada de 4 horas, (9.30 a 13.30). A súa dificultade é media e as principais zonas de interese que atravesa son a aldea de Zobra, Armandiñas, o río Deza, o lugar de Porto Martín, A Mataca, Bresoi, a Ponte dos Medos, Cabana e a Trigueira.
Por outra parte, os sendeiristas tamén poderán gozar dun percorrido opcional máis longo, en concreto de 18 quilómetros e dunha duración aproximada de 6 horas, (9.30 a 15.30), de dificultade alta e que percorrerá, a maiores, aparte dos espazos da ruta curta, os lugares de Campo Valín, A Freixa e Vaca Morta. Ámbolos dous traxectos contarán coa opción de acudir a Zobra dende Lalín e regresar do roteiro en bus. Non se recomenda a participación na actividade de menores de 12 anos e aconséllase empregar calzado de monte, así como ir provistos de roupa de abrigo e chuvasqueiro. Tamén é recomendable portar avituallamento tanto sólido como líquido.











