publicidade hoxe

Participación Cidadá organiza unha excursión á Casa do Queixo para a terceira idade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concellería de Educación, Participación Cidadá e Mobilidade, dirixida pola edil Kely Monzón, oferta ós maiores de Mos a posibilidade de coñecer a “Casa do Queixo”, un complexo situado en Sobrado dos Monxes (A Coruña), inmerso en plena natureza, formado por unha granxa-escola, un zoo de animais domésticos, un museo e unha fábrica de queixos. Trátase dunha iniciativa incluída no programa “Tempo de excursións”, promovido por este departamento municipal.

Esta excursión está programada para o sábado 12 de decembro. A saída da excursión será dende o Concello (edificio de Urbanismo) ás 8:00 horas da mañá con dirección a Sobrado dos Monxes. Visitarase o Mosteiro de Sobrado dos Monxes. O almorzo terá lugar no restaurante “Casa do Queixo” (As Casiñas). Seguidamente, actuación de “Lume na Lareira” para pasar unha tarde con música, baile, xogos e máis sorpresas. Despois, visitarase a granxa (queixería) onde aprenderán a elaborar o delicioso queixo, para posteriormente degustar o produto estrela.  A última hora da tarde, iniciarase o regreso ós fogares.

Poderán participar todas as persoas empadroadas no Concello de Mos maiores de 65 anos, ou pensionistas maiores de 55 anos. No caso de existir vacantes poderán participar os maiores de 55 anos que non desenvolvan actividade laboral e as persoas non empadroadas en  Mos.

O prazo de inscrición é dende mañá ata o 4 de decembro, presentando unha solicitude asinada e debidamente cumprimentada no Rexistro do Concello.

O día 9 de decembro farase pública a lista de admitidos/as. A contía da viaxe por persoa ascende a 33 euros.

3 de novembro de 2015 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.