Ourense aproba o Plan Económico Financeiro 2015/16 que permitirá superar os 100 millóns de euros de orzamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense, celebrada esta mañá, acordou aprobar, con carácter provisional, o Plan Económico Financieiro (PEF) 2015-2016 do Concello de Ourense. O principal obxectivo do Plan é o de fixar o teito de gasto computable para o Concello. “Este gasto máximo computable contempla todos aqueles gastos da Administración Local sen incluír o pago de intereses ou os gastos financiados por outras administracións mediante subvencións das mesmas, así como a amortización da débeda”, en palabras do alcalde, Jesús Vázquez, quen compareceu en rolda de prensa para dar conta dos acordos da Xunta de Goberno. O expediente seralle remitido á Dirección Xeral de Política Financeira e do Tesouro, órgano que ostenta a tutela financeira do noso Concello, para a súa aprobación definitiva, conforme ao disposto no artigo 21 da Lei Orgánica de Estabilidade Presupostaria e Sostibilidade Financeira (LOEPSF).

Segundo os cálculos do PEF, o teito de gasto para o Concello de Ourense (e o Consello Municipal de Deportes) no exercicio 2016 estará fixado en 95.019.935,27 euros. Este teito de gasto computable permitiralle ao goberno municipal superar os 100 millóns de euros para o orzamento de 2016, engadindo os gastos non computables -achegas, subvencións doutras administracións, pago de intereses e amortización de débeda- a maiores.

“Dada a situación económica do Concello de Ourense, unha vez liquidado o orzamento 2015, as previsións apuntan a que obteremos superávit orzamentario. Ese superávit permitirá amortizar débeda e executar inversións financeiramente sostibles”, comentou o rexedor. Esta situación será tamén parte da elaboración dos orzamentos para superar os 100 millóns de euros, pois este superávit, unido á existencia de Remanente, permitirá aumentar os orzamentos segundo o Plan Económico Financeiro.

A Xunta de Goberno Local aprobou o PEF esta mañá despois de que o Pleno do pasado 6 de novembro non acadase a súa aprobación. Tal e como naquel debate se expuxera, este PEF é fundamental para que o Concello conte con orzamentos nos vindeiros exercicios económicos, logo de incumprir a regra de gasto, excedendo o computable no exercicio 2014 en 11 millóns de euros (11.150.900,26 euros). Isto ocorre porque o nivel de gasto non financeiro de 2013 estivo moi por debaixo do nivel realmente asociado á actividade do Concello. Por outra banda, en 2014 xerouse un importante volume de gasto de carácter coxuntural, como é o caso dos 2,5 millóns de euros pagados a Proavia S.L. por indemnización e outros 0,7 millóns por diferentes expedientes de expropiacións.

“Cómpre destacar que o incumprimento do teito de gasto en 2014 non deteriora a situación financeira do Concello, polo que a continuación de dinámica orzamentaria, caracterizada pola estabilidade dos ingresos, o control do gasto e a baixa ratio de endebedamento será suficiente para cumprir cos obxectivos marcados pola Lei Orgánica de Estabilidade Presupostaria e Sostibilidade Financeira (LOEPSF) en termos de déficit público, gasto computable e débeda financeira”, explicou Vázquez Abad.

Lembrou tamén que este PEF tiña que ter sido presentado no prazo máximo dun mes dende que se constatou o incumprimento da regra de gasto (30 de abril de 2015, data na que foi aprobada a liquidación do exercicio 2014), e aprobado polo Pleno no prazo máximo de dous meses dende a súa presentación, sen que a súa posta en marcha puidera exceder de tres meses.

Amén de que as Eleccións Municipais foron en maio e o cambio de goberno a mediados de xuño, estes prazos non puideron cumprirse por un motivo importante: o tempo invertido en tratar de que o órgano de tutela financeira do Concello permitise utilizar como gasto computable de partida para calcular o límite de débeda en 2015 o de 2014, e non o de 2013, anormalmente baixo.

Esta posibilidade foi finalmente autorizada o 25 de setembro de 2015 no manual da aplicación PEFEL2 sobre o modelo de Plan Económico Financeiro, desenvolvido polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas en aplicación do art.21 da Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira.

360.000 euros en obras

Fóra da orde do día, aprobáronse obras de mellora viaria e infraestruturas, con prazo de execución de aquí a final de ano, por un importe próximo a 360 mil euros con cargo á partida de Infraestruturas Viarias e Urbanas. Os proxectos son os seguintes: Adecuación do camiño de Os Ponxos (60.000 euros); adecuación da rúa Xosé Ramón Fernández Oxea Ben-Cho-Shey e tramo inferior da rúa de Lugo (60.000 euros); urbanización de varias rúas do núcleo de O Peliquín (59.994’18 euros); urbanización da praza Somoza Fiunte, en Eirasvedras (59.992’67 euros); adecuación do Camiño de Abaixo, en A Loña (59.295’48 euros); e adecuación das rúas do Eiro, Cega e Pendello en Rairo (59.431’35 euros).

Concurso de carteis de Nadal

No eido cultural, aprobouse a convocatoria do Concurso para o deseño do cartel de Nadal 2015. O gañador do concurso levará un premio de 400 €. As bases estarán colgadas na web e nos restantes canles de comunicación do Concello para o seu xeral coñecemento.

Outros expedientes

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local abordou outra serie de cuestións de forma ordinaria: Un total de 6 notificacións de índole xurídica, 10 expedientes referidos a licenzas de obra -denegación para a instalación de ascensor; caducidade na execución de obras para un edificio de vivendas ou a execución de 168 osarios columbarios no cemiterio de Santa Mariña, entre outras-, un expediente disciplinario en materia urbanística e a aprobación da realización de obras de impermeabilización e reparación do espazo público e do edificio de vivendas sito en avenida de Zamora, nº 147 e avenida da Universidade Laboral nº2-4.

12 de novembro de 2015 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.