publicidade hoxe

Os veciños de Vilarchán piden máis lombos para garantir a seguridade vial e os de Buchabade interésanse polo enganche ao alcantarillado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

Os veciños de Vilarchán solicitáronlle ao alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e ao seu grupo de goberno a colocación de lombos para reducir a velocidade dos vehículos e garantir unha maior seguridade vial na zona. Outra das reivindicacións manifestadas na asemblea veciñal realizada na Casa do Pobo foi solicitar a colaboración do Concello na mellora do subministro de auga potable ás vivendas a través do reforzo da actual traída veciñal.

En canto á petición dos lombos, o alcalde comunicoulles que xa estaba encargado un informe á Policía Local para que determinasen a conveniencia da súa colocación e a súa mellor distribución para garantir a seguridade vial. Segundo lles dixo Andrés Díaz, a intención do Concello é levantar aqueles que se considere necesarios pero feitos de tal xeito que cumpran a súa función de reducir a velocidade sin causar perxuizo aos automóbiles que circulan pola estrada.

Os veciños tamén lle solicitaron que trasladara á Xunta, titular da estrada principal que comunica Pontevedra con Ponte Caldelas, para que se mellore a súa sinalización no tocante ao desvío que deben tomar os veciños de Vilarchán e Contixe para dirixirse ás súas casas e que, por ser insuficiente, supón segundo manifestaron un perigo constante. 

Outra cuestión que lle foi plantexada ao alcalde foi a necesidade de realizar diversos arranxos e melloras na Casa do Pobo de Vilarchán que se atopa con problemas de humidade e precisa dun pintado interior. O alcalde contestoulles que se estudiaría e manifestoulles que o desexo do equipo de goberno, para o vindeiro ano, é poñer en marcha un plan cultural que dinamice todas e cada unha das casas do pobo que se atopan agora pechadas co fin de que se convirtan en punto de atracción social e reunión dos veciños de cada lugar. 

Finalmente, os veciños de Vilarchán amosaron a súa preocupación pola falla de auga na traída que surte ás vivendas da zona e comentáronlle que estiveran facendo unha nova captación que non deu os resultados apetecibles. Ante esto, comunicáronlle que teñen previsto realizar unha nova prospeción noutro lugar máis alto e, no caso de dar resultados positivos, solicitaríanlle a colaboración do Concello para os posteriores traballos de canlización a realizar. O alcalde manifestou que a través do concelleiro do BNG Manolo Barreiro o equipo de goberno estará moi atento a esas necesidades co fin de colaborar na medida das posibilidades do Concello. 

O ALCALDE ESPERA QUE O ALCANTARILLADO DE BUCHABADE ENTRE EN SERVIZO ANTES DE COMEZAR O VINDEIRO ANO

Posteriormente, o alcalde e os seus membros do equipo de goberno trasladáronse á Casa do Pobo de Buchabade onde mantiveron unha xuntanza cos veciños do lugar que, entre outras reivindicacións, amosáronlle a súa preocupación polo retraso no enganche ao alcantarillado tra-la construción da EDAR. O alcalde sinalou que os problemas detectados na rede de sumidoiros era máis grave do inicialmente previsto o que obrigou a contratar a unha empresa para que puxera en marcha medidas paliativas, que se están realizando, co fin de correxir os entullos detectados sin ter que levantar o alcantarillado xa instalado.

As previsións da empresa, que fixo públicas o alcalde, é ter resolto o problema antes de rematar o ano polo que en breve entraría en servizo o alcantarillado ao que deberán engancharse todos aqueles veciños obrigados e en disposición técnica de poder facelo. En canto ás vivendas que non teñen a cota axeitada e polo tanto non poden engancharse á rede de sumidoiros, o alcalde manifestoulles o seu pesar e sinalou que co proxecto xa executado ía ser moi difícil poder darlles o servizo.

Outro tema plantexado na asemblea foi a solicitude de colaboración do Concello nas obras de anovación que están levando a cabo os veciños de Buchabade para substituir as vellas canlizacións da auga da traída por outras novas e máis modernas e funcionais. Ante esta solicitude o alcalde comprometeuse a enviarlles medios humanos e materiais municipais para colaborar no que sexa preciso para que este proceso se poda executar do xeito máis rápido e económico para os veciños, contando para elo coa colaboración do Concello a través de maquinaria e operarios municipais.

Antes de rematar a xuntanza o alcalde lembroulle aos veciños que, pese a que a súa intención é volver para o ano que ven a explicar como e en que se gastaron os cartos do Concello e dar contas da súa xestión, indicoulles que a súa porta no Consistorio sempre está aberta para que calquera veciño poda ser atendido sen cita previa cando o considere oportuno.

6 de novembro de 2015 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.