Os traballadores de xulgados de Familia e de Violencia de Xénero de Vigo esixen solucións ao caos diario

Rolda de prensa
Alternativas na Xustiza-CUT e traballadores dos xulgados de Violencia de Xénero e dos xulgados de Familia de Vigo convocaron varias mobilizacións nas próximas semanas para esixir solucións á “problemática de caos diario” que soportan nestes xulgados e, en concreto, pedir que a Xunta e o conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, poñan remedio á “falta de medidas”.
Así o trasladou o voceiro de Alternativas na Xustiza-CUT, Pablo Valeiras, nunha rolda de prensa este venres, na que estivo acompañada por unha representación dos traballadores dos xulgados afectados, nos que se atenden a mulleres -“moitas veces en situación de desigualdade e perigo”- e a menores.
En concreto, Valeiras explicou que o xulgado de Violencia de Xénero, que é “o único de Vigo” e “está de garda todos os días laborables”, sofre “caos organizativo, de traballo, de urxencias e de coordinación”, o que fai que os traballadores soporten unha situación de “tensión diaria” e malas condicións laborais.
Segundo remarcou, a situación é “dantesca” e o “caos” fai que haxa medidas urxentes relacionadas con vítimas e con menores que “tardan meses” en ser tramitadas e ás que non se consegue responder “porque se xuntan o traballo do día a día, o urxente propio do xulgado e o urxente de Policía Nacional, Garda Civil e xulgado de garda”.
Tal e como resumiu, no xulgado de violencia de xénero hai en trámite dous xurados e catro sumarios de especial gravidade e complexidade; no que vai de ano solicitáronse 182 ordes de protección, das que se concederon 119, habendo máis de 300 en vigor; e hai sete presos e catro pulseiras telemáticas.
Valeiras matizou que o problema non se soluciona simplemente co reforzo dun maxistrado, e aclarou que o que piden é unha reunión co conselleiro para poñer enriba da mesa solucións para o xulgado de violencia de xénero, así como un xulgado de reforzo real nos xulgados de familia -actualmente son dous-.
Por todo iso, os traballadores e a Alternativas na Xustiza-CUT -aos que se unirán outras asociacións- convocaron concentracións os días 1 e 8 decembro ante os xulgados de violencia de xénero e de familia, así como paros de tres horas -nos que cumprirán os servizos mínimos- nos tres xulgados os luns, mércores e venres ata Nadal -días 14, 16, 18, 21 e 23-.
XORNADA LABORAL
Entre as problemáticas, Valeiras tamén apuntou a que o persoal ten que asumir traballo despois da súa xornada para evitar prexuízos sobre as vítimas e sobre outros xulgados, e que ten que extralimitarse dos seus labores, tendo que dar apoio psicolóxico, investigando o paradoiro de vítimas ou denunciados, facéndose cargo de menores, impedindo que se atopen denunciados e vítimas, etc.
O voceiro aseverou que “a Xunta é coñecedora” de que os empregados traballan máis de 9 e 10 horas diarias sometidos “a presión”, pero “non toma medidas de ningún tipo”. De feito, sinalou que a Administración galega “argumentou que non podía pagar un complemento” aos traballadores e no seu lugar propuxo prolongacións de xornada, o que, dixo, non serve “para sacar máis traballo, senón para compensar que estean máis horas”.
RESPONSABLES
“Rueda, Feijóo e a dirección xeral de Xustiza son os principais responsables porque son os que teñen a capacidade de poñer os medios para solucionar os problemas”, asegurou Valeiras, “antes de remarcar que, contrariamente, o que fan é demagoxia e non buscan unha solución efectiva a esta lacra”.
De feito, remarcou que hai “falta interese e profesionalidade” por parte de políticos e cargos xudiciais e volveu culpar da situación especificamente o Partido Popular, por ser quen nestes momentos momentos está no goberno.
“A violencia de xénero mata, e a falta de interese mata”, sentenciou Valeiras, que trasladou as súas dúbidas acerca de que os paros que convocaron “sexan máis graves que a falta de interese e acción dos políticos”.











