Os químicos de Galicia celebran o Día da Química 2015 en Santiago
O Colexio Oficial de Químicos de Galicia (Colquiga) e a Asociación de Químicos de Galicia celebrarán en Santiago de Compostela o vindeiro sábado, 14 de novembro, o día do seu patrón, San Alberto Magno, e tamén o Día da Química 2015. Os químicos de Galicia, nun acto que se celebrará no Hotel San Francisco, tamén farán entrega do Premio á Excelencia Empresarial Química de Galicia 2015, do galardón Colexiado Distinguido e das distincións aos colexiados con 50 anos e 25 anos pertencendo á institución colexial.
Os actos comezarán cunha recepción ás 10.30 horas no Salón de Plenos do Concello de Santiago de Compostela. Ás 11.30 horas está prevista a celebración da Xunta Xeral do Colexio Oficial de Químicos de Galicia e a Asemblea Xeral da Asociación de Químicos de Galicia. Será no Auditorio Carlos V do Hotel Monumento San Francisco (Campillo de San Francisco, 3. Santiago de Compostela). Ás 13.30 horas e nese mesmo lugar procederase á entrega do Premio á Excelencia Empresarial Química de Galicia 2015. Xa a partir das 14.15 horas comezará o xantar. Ao final está prevista a entrega do galardón de Colexiado Distinguido, e das seguintes distincións: 50 anos e 25 anos. Os novos colexiados tamén recibirán o seu diploma.
Os químicos galegos elixen cada ano unha localidade de Galicia para celebrar o seu patrón e o Día da Química. Este ano a elixida é a capital de Galicia. “Queremos facer desta celebración un percorrido pola nosa xeografía, para coñecer a súa riqueza e potencial e para que a sociedade galega sexa consciente do protagonismo da profesión química na nosa contorna máis inmediata”, destaca o decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Antonio Macho, quen presidirá a xunta que servirá para dar conta da xestión en 2015.











