Os “Principiños de Papel” aterrizan no Auditorio da Illa de Arousa para falar dun relato con transfondo ecolóxico
Reducir. Reciclar. Reutilizar. Os tres “Erres” da conciencia ecolóxica forman o eixo sobre o que xira o espectáculo infantil “Papiroflexias. O Asteroide de Papel!” que este vindeiro sábado chegará á Illa de Arousa da man da Compañía Nelson Quinteiro.
Neste espectáculo, protagonizado por Ademar Silvoso no papel de “Julius” e Nelson Quinteiro no papel de “Augustus”, os dous artistas recréanse no conto do Principiño de Antonie Saint Exùpery para crear un conto sobre un asteroide onde todo é de papel, e de onde proveñen os protagonistas da obra.
Pero estes principiños son un pouquiño máis “punkis” do habitual.
Aínda que Julius de primeiras pareza un clown tipo “cara branca” e Augustus un “nariz vermella”, os dous personaxes, metade suricatos, metade principiños van evoluíndo nas personaxes ata beber moito do seu propio carácter e retroalimentarse da química que hai entre eles nun humor que chega tanto aos pequenos como aos maiores, introducindo claras referencias á actualidade máis rabiosa.
Se a isto lle engadimos un pouco de danza con papel, moito humor, xogos interactivos, historia do papel e máis papiroflexia o resultado é unha montaxe de 60 minutos de duración que fai as delicias de todos os públicos.
O espectáculo terá lugar ás 17:30 h no Auditorio da Illa de Arousa. As entradas son a 4 €, e pódense adquirir na propia billeteira do Teatro.
Seleccionados para o CULTURGAL. Feira das Industrias Culturais!
O Principiño de Cambados, acompañado do seu colega O Principiño de Cangas terán ocasión de presentar o espectáculo “Papiroflexias. O Asteroide de Papel!” con motivo da Feira das Industrias Culturais CULTURGAL que terá lugar no Pazo de Congresos de Pontevedra a primeiros de decembro.
A súa función, en formato showcase de 30 minutos chegará ó ESPAZO INFANTIL o domingo 6 de decembro ás 12:30 h da mañá.