Os nenos da escola infantil municipal O Bosque visitaron o Pazo da Peregrina e celebraron o Magosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Aproveitando a estación de outono, os nenos e nenas de 2 a 3 anos da escola infantil municipal O Bosque de Bertamiráns fixeron a súa primeira saída do curso para visitar o Pazo da Peregrina e coñecer os cambios que esta época do ano está provocando no seu contorno. Ademais, os pequenos celebraron unha gran festa do Magosto, para coñecer máis polo miúdo unha das máis arraigadas tradicións que temos na nosa comunidade.

Preparados cun bo calzado para non mollar os pés e en compañía da súa mascota, a galiña Pita, os pequenos subiron ao autobús camiño do Pazo da Peregrina. Alí, aproveitaron a visita para recoller follas e observar os cambios que o outono está provocando no seu contorno. De seguido, os nenos e nenas da escola infantil O Bosque realizaron distintas manualidades coas follas que recolleron, para despois expoñelas na entrada da escola.

Festa do Magosto

Trala saída feita ao Pazo da Peregrina, os nenos e nenas da escola infantil municipal O Bosque aproveitaron para celebrar a tradicional festa do Magosto. Fixérono co obxectivo de coñecer e participar dunha tradición moi arraigada en Galicia. Os pais e nais dos nenos e nenas colaboraron achegando castañas á escola, que despois a cociñeira se encargou de cocer e asar para degustalas o día da festa.

Ademais, as follas que os pequenos recolleron no Pazo da Peregrina serviron para, unha vez secas, encher unhas piñatas e pasar un anaco entretido rompendo as piñatas e xogando con elas. Non faltou a música e o baile para celebrar o Magosto dun xeito familiar e, sobre todo, moi divertido

9 de novembro de 2015 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.