Os Museos Científicos serán gratuítos a vindeira semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Os Museos Científicos coruñeses celebran desde o vindeiro luns e ata o domingo a Semana da Ciencia, sete días nos que están programadas toda unha serie de actividades e durante os cales a entrada será gratuíta nos tres centros. No caso da Domus, o programa adiántase a mañá, sábado, cunha primeira xornada de portas abertas e a celebración da Feira OSHWDem ( Open Source HardWare Demonstration ) de tecnoloxía aberta, que organiza Bricolabs ( http://oshwdem.org ), e ao longo da cal haberá multitude de actividades, como unha exhibición de proxectos, minicharlas, concursos, competicións e talleres.

Entre as actividades programadas para a vindeira semana destaca, o día 13 no Aquarium Finisterrae, o Storytelling ‘Reinos de coral e imperios de xeo’ do fotógrafo de National Geographic David Doubilet, que fará un percorrido visual polas historias publicadas en revistas. A actividade inscríbese na mobilización cidadá do proxecto europeo Sea for Society, liderado en España polo Aquarium Finisterrae, e está enmarcada no festival Mar de Mares. Terá lugar ás 19.30 horas, na Domus. A actividade complétase ao día seguinte, 14 de novembro, na Domus, cun obradorio de fotografía submarina impartido Jennifer Hayes e o propio Doubilet, que inclúe a execución, produción e edición dunha reportaxe baixo o mar, cuxas prazas están xa cubertas.

Ese mesmo sábado, día 14, desenvolveranse tamén os actos de entrega dos Prismas Casa das Ciencias á Divulgación 2015. Na Domus, ás 11.00 horas, terá lugar a presentación do libro “El encantador de saltamontes y otros ensayos sobre la historia natural de los parásitos”, Prisma ao mellor texto inédito en 2014, e ás 11.45 horas, proxectarase o vídeo “Científicos del IRB Barcelona bailan por la investigación en cáncer, Alzheimer y diabetes”, Prisma de Bronce 2015. Xa no pazo de María Pita, ás 13.00 horas, procederase á entrega dos Prismas Casa das Ciencias á Divulgación no Salón de Plenos.

Para rematar, o domingo, día 15, celebrarase na Domus “Espectáculos da Ciencia. Do fotón ao led”, que amosa experiencias relacionadas coas tecnoloxías baseadas na luz, como ver a través de materiais opacos, acender lámpadas sen fíos, utilizar láseres de gran potencia ou experiencias de invisibilidade.

6 de novembro de 2015 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.